O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), en colaboración co Clúster da Industria do Deporte e o Benestar de Galicia, organiza o 28 de outubro o workshop “Tendencias actuáis en nutrición deportiva”, un espazo híbrido para o networking da industria alimentaria e do deporte.
Esta xuntaza, que se celebrará na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo (Pontevedra), enmárcase nos grupos de traballo relacionados coa innovación e a transferencia de coñecemento que comparten ambos clústeres, e supón a primeira acción colaborativa entre ambas entidades.
Concretamente, o Grupo de Traballo 1 de Clusaga, “Alimentos e ingredientes innovadores, seguros e saudables adaptados ás tendencias de consumo” centra a súa actividade na obtención e desenvolvemento de novos compostos, ingredientes e produtos alimentarios con potencial funcional e nutricional adaptados ás necesidades ou intereses de segmentos de poboación concretos. Así, este Grupo de Traballo de Clusaga ten por obxectivo facilitar espazos de networking para a xeración de ideas de colaboración entre os distintos axentes do ecosistema de innovación galego con intereses nestas temáticas.
Pola súa banda, o Clúster Galego da Industria do Deporte encaixa esta acción no traballo da comisión “Transferencia de Coñecemento e Novas Empresas”, por ser unha actividade de valor para coñecer as novas tendencias no subsector dos produtos alimentarios para o deporte. A innovación é unha das sinais de identidade do deporte galego, campo onde o Clúster do Deporte ten como liña estratéxica de actuación dotar de información e formación ao seu ecosistema, co fin de incentivar a creación de proxectos empresariais novidosos que sigan situando a Galicia na vangarda do deporte.
A xuntanza dará comezo ás 10.00 horas e estará estruturada nun relatorio, dúas mesas redondas e conclusións e peche institucional, para o cal contarase con representantes da Dirección Xeral de Saúde Pública e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Para cerrar esta xornada, os asistentes poderán desfrutar dunha visita guiada polo Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
O relatorio, a cargo do investigador de AZTI Javier Amezaga, abordará o proxecto do Athletic Club de Bilbao no que colabora esta entidade en calidade de socio científico, o “Smart Nutrition Lab”. Trátase dunha iniciativa de nutrición personalizada pioneira na industria deportiva internacional, que configura un espazo referente na área da nutrición intelixente asociada á práctica profesional do deporte.
A continuación, a mesa redonda “Innovación en alimentación e bebidas para o deporte”, moderada pola coordinadora da Área de Mercados de Clusaga, Belén Vázquez, reunirá a Gerardo de la Huz, CEO de Augas de Rodas; Mariluz Obermeier, Account Manager de Grupo Leche Río; e José André, director de desenvolvemento de negocio de Tabalú.
A segunda mesa, moderada pola xerente do Clúster do Deporte Sofía Toro, e titulada “Fisioloxía do deporte, nutrición e requirimentos na práctica deportiva”, implica a Pablo Dapena, deportista triatleta internacional; Federico Mallo, catedrático de Fisioloxía-Endocrinoloxía na UVigo; e Santiago Perote, médico do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.