O Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) acolleu o pasado venres a sinatura do convenio de colaboración interclúster entre o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e o Clúster Turismo de Galicia.
Roberto Alonso, director de Clusaga, e Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia, formalizaron a sinatura deste convenio que fomentará proxectos de interese común e do que se agarda un aumento da competitividade e do fortalecemento das relacións entre os sectores que representan.
Este protocolo de colaboración nace das inquedanza compartidas entre ambos clústeres de cara á promoción de Galicia e a posta en valor do seu patrimonio gastronómico, e implica un compromiso de execución para os vindeiros dous anos.
Ademais da colaboración privada-privada, Clusaga e o Clúster Turismo de Galicia favorecerán a implicación das Administracións públicas, nun contexto de promoción de actuacións en materia de desenvolvemento sostible do turismo e de aposta pola gastronomía, na que o Plan Territorial Enogastronómico de Galicia representa unha folla de ruta que guiará as futuras medidas que contribúan a fortalecer a ambos sectores.
O Clúster Turismo de Galicia vén de sumarse tamén ao Grupo de Traballo de Gastronomía e Turismo promovido por Clusaga, dentro da súa Área de Mercados e Internacionalización. Este foro de debate ten como finalidade xerar un espazo de reflexión en torno ao turismo gastronómico.
Froito deste Grupo de Traballo, as empresas da industria alimentaria e de bebidas están a determinar cales son as iniciativas de maior impacto e viabilidade para por en valor os produtos galegos e aumentar o posicionamento da marca Galicia en torno a súa gastronomía.