O venres, 14 de febreiro, a Comisión de Innovación e I+D do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), reuniuse cos grupos de investigación da Universidade da Coruña (UDC) co obxectivo de analizar os retos estratéxicos do sector no ámbito da innovación e a sustentabilidade.
O evento, que se enmarca nun ciclo de xornadas que está a realizar esta Comisión por todas as universidades galegas, tivo lugar no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC. Julio E. Abalde, reitor da Universidade, Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Sergio Martínez, presidente da Comisión de Innovación e I+D de Clusaga e responsable de I+D de Innolact (Quescrem), e Mª José Mariño, directora da área de Centros da Axencia Galega de Innovación (GAIN), foron os encargados de dar a benvida a esta xornada, felicitando a Clusaga por realizar este tipo de actividades para achegar o coñecemento ás empresas.
Pola súa banda, Jaime Rodríguez, director do CICA, Susana Ladra, directora do Campus Innova da UDC, e Andrés Faíña, Catedrático Jean Monnet de Economía Industrial Europea da UDC, presentaron a xornada e agradeceron o interese por este tipo de iniciativas que fomentan o intercambio de ideas e coñecementos.
Tras eles, Roberto Alonso, xerente de Clusaga, Iago Candal, xerente de deseño e innovación de DS Smith Iberia, e Julián Hernández, xerente do departamento de marketing de Vegalsa Eroski, presentaron os obxectivos e retos da Comisión de Innovación e I+D da Agrupación industrial co obxectivo de poder atopar sinerxias coas diferentes liñas de investigación da UDC.
Finalmente, Manuel Bustabad, responsable de Transferencia Tecnolóxica e Innovación do Centro de Investigación en TIC (CITIC), e Julián Hernández, responsable da área Estratexia, I+D+i e Promoción do CICA, presentaron as liñas de investigación na que traballa a UDC e deron paso á presentación dos grupos de investigación relacionados co sector alimentario.
En concreto, expuxeron a súa actividade os grupos: Bioingeniería Ambiental e Control de Calidade (BIOENGIN), Bioloxía Costeira (BIOCOST), Estudo e Aplicación das Microalgas (Microalgae), Fisioloxía e Aplicacións das Plantas (FISAPLANT), Grupo interdisciplinar de Patrimonio Cultural e Xeolóxico (CULXEO), Observatorio para o deseño e innovación en mobilidade, medios de transporte e automoción (ODIMTA), Química Analítica Aplicada (QANAP), Reactividade Química e Fotorreactividad (REACT!), Regulación da expresión xenérica e aplicacións (EXPRELA) e Xestión Sostible dos Recursos Hídricos e do Chan (AQUATERRA).