O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e a Fundación Semana Verde de Galicia (FSVG) veñen de renovar o seu convenio de colaboración a prol do sector alimentario e das bebidas galego por oitavo ano consecutivo. Este acordo permitirá que as dúas entidades continúen incrementando a capacidade de negocio e internacionalización do sector, así como a promoción da súa actividade en materia de innovación, marketing, sustentabilidade e excelencia.
Este convenio supón que Clusaga colabore de xeito activo na organización dos Encontros Internacionais con Compradores do 27º Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca), celebrado no marco da 46ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia. Grazas á súa experiencia na selección de importadores, o Clúster incrementará a calidade das reunións, atraendo aos países con maior interese pola oferta de alimentos e bebidas presente na Feira. Ao tempo, isto favorecerá a capacidade de negocio das empresas participantes, impulsando así a internacionalización de produtos de alimentación e bebidas de Galicia.
Así, a sinatura deixa constancia do apoio da FSVG á promoción de alimentos, bebidas e iniciativas do sector alimentario galego, ao implicar o seu respaldo ao Foro e Premios Galicia Alimentación de Clusaga, o encontro sectorial anual que premia e promociona os mellores alimentos, bebidas e iniciativas desenvolvidas ao longo da cadea de valor.
Salimat Abanca volverá ser o punto de encontro do sector alimentario e gastronómico na súa 27ª edición, que terá lugar do 30 de maio ao 2 de xuño. A área expositiva seguirá apostando por conxugar a presenza da gran distribución coa de empresas de produtos de calidade, artesáns, gourmet, ecolóxicos e innovadores.
Un ano máis, serán clave os Encontros Internacionais de Compradores organizados por Clusaga, que xa teñen propiciado decenas de miles de reunións con distribuidores e importadores. Nomeadamente, en 2023, acudiron a estes Encontros 24 importadores de 17 países, xunto con 5 compradores nacionais, que se suman aos positivos datos rexistrados en anos anteriores.
Xunto con esta actividade, todo o programa potenciará o carácter converxente, de transferencia de coñecemento e aproximación ao consumidor do Salón. Así, celebraranse demostracións, presentacións, showcookings con recoñecidos chefs, encontro de bloggers gastronómicos e catas, entre outras propostas. Todo isto, no marco dun evento emblemático e multisectorial como é a 46ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.
Outra cita imperdible da primavera para o sector alimentario galego é o Foro e Premios Galicia Alimentación, o encontro sectorial anual que Clusaga leva celebrando dende 2014, e que este ano terá lugar o 13 de xuño na Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela). Esta X Edición conta co apoio de colaboradores e patrocinadores de carácter público e privado, e entre os que se atopa a Fundación Semana Verde de Galicia en categoría Bronce.
O obxectivo dos Premios é contribuír a promocionar alimentos e bebidas, así como as iniciativas das entidades que forman parte da cadea de valor alimentaria en Galicia, mellorando a súa imaxe e posición dentro do sector alimentario e na sociedade en xeral. Este ano fano a través de dúas categorías: Alimentos e Bebidas, cos galardóns ao “Produto Excelente” e ao “Produto Innovador”; e Iniciativas do Sector Alimentaria, cos premios á “Estratexia de Marketing ou Internacionalización”, á “Innovación” e á “Sustentabilidade”.
A mesma gala de entrega de galardóns acolle, previamente, o Foro Galicia Alimentación, un punto de encontro para o debate e a reflexión da man de expertos en torno aos retos de futuro do sector da alimentación e das bebidas. Alén, o evento acolle reunións B2B, a Exposición de Alimentos e Bebidas Excelentes e Innovadores 2024, ou stands con demos tecnolóxicas, entre outras actividades para favorecer o networking e as oportunidades de colaboración entre os distintos elos da cadea de valor.