O pasado 13 de xaneiro, Clusaga recibiu na súa sede a visita de Ricardo Durán, director xeral da Fundación Semana Verde de Galicia (FSVG), para formalizar a renovación do convenio de colaboración entre ambas entidades. Este acordo, que se mantén por noveno ano consecutivo, refuerza a aposta pola internacionalización do sector agroalimentario galego, facilitando a conexión das empresas con mercados exteriores a través da feira Salimat Abanca.
No marco desta colaboración, Clusaga e a FSVG impulsan unha nova edición do Encontro Internacional de Compradores, un espazo de networking empresarial que na última edición posibilitou máis de 1.300 reunións B2B con compradores de 19 países, permitindo ás empresas alimentarias galegas explorar novas oportunidades comerciais. A próxima edición do encontro terá lugar en Salimat Abanca 2025, que se celebrará en Silleda do 5 ao 8 de xuño, co obxectivo de seguir ampliando a presenza de importadores e distribuidores internacionais.
Máis alá da súa vertente internacional, Salimat Abanca consolidouse como un evento clave para o sector agroalimentario, onde produtores, distribuidores e profesionais teñen a oportunidade de conectar co consumidor final e con outros actores do mercado.
En cada edición, o salón reúne a chefs de referencia, que achegan ao público a cociña a través de demostracións e showcookings. Ademais, ofrece un completo programa de talleres, xornadas técnicas, catas e foros temáticos, onde se abordan as tendencias e desafíos do sector.
Os visitantes poden descubrir produtos exclusivos, resolver dúbidas directamente cos produtores e establecer contactos comerciais nun entorno dinámico. Os expositores, por súa parte, presentan as súas propostas a través de stands interactivos, concursos e experiencias gastronómicas, facendo da feira un espazo atractivo tanto para profesionais como para o público xeral.
Un componente clave desta colaboración é o Foro e Premios Galicia Alimentación, un evento organizado por Clusaga co apoio de colaboradores e patrocinadores tanto públicos como privados, entre os que destaca a Fundación Semana Verde de Galicia. Na súa última edición, os premios recoñeceron a excelencia, innovación e sostenibilidade das empresas do sector alimentario galego, servindo como escaparate para as mellores prácticas e solucións que están a revolucionar a industria.
O Foro Galicia Alimentación reúne a expertos, empresarios e representantes do sector para debater sobre os desafíos e oportunidades do momento. Este espazo fomenta a creación de sinerxías estratéxicas e dá visibilidade aos avances e logros das empresas máis innovadoras do sector alimentario galego. Pola súa banda, os Premios Galicia Alimentación celebran as empresas que están a marcar a diferenza en áreas clave como a sostenibilidade, a digitalización e a investigación, consolidándose como un referente da industria alimentaria.
Coa renovación deste convenio, Clusaga e a FSVG consolidan unha colaboración que se converteu en estratéxica para a internacionalización e promoción da industria alimentaria galega. O compromiso coa celebración do Encontro Internacional de Compradores, a dinamización de Salimat Abanca como escaparate de referencia e o impulso do Foro e Premios Galicia Alimentación reforzan un ecosistema de apoio ao sector que facilita a proxección internacional e o recoñecemento das mellores iniciativas empresariais.
Este acordo pon en valor o papel de Clusaga como catalizador de oportunidades para as empresas do sector, facilitando o seu acceso a novos mercados e promovendo a competitividade da industria alimentaria galega nun contexto global en constante evolución.