O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e o Clúster Agroalimentario de Nuevo León (Agroalim) estableceron un acordo de colaboración para promover a innovación, a fábrica do futuro e a sustentabilidade na industria dos alimentos e as bebidas.
Esta alianza representa unha aposta conxunta de ambos os clústeres para o impulso de iniciativas innovadores e o desenvolvemento de modelos produtivos que garantan a sustentabilidade futura do sistema e reforcen a potencialidade do sector alimentario en ambas as rexións.
Entre as accións que se realizarán, grazas a este acordo, destaca a organización dun encontro virtual B2B entre os socios de ambos clústeres para definir estratexias de traballo conxuntas a nivel internacional.
Para Clusaga esta alianza supón dar un paso máis no fortalecemento da competitividade internacional e a visibilidade do sector alimentario galego, así como na mellora da produtividade e sustentabilidade da cadea de valor. Todos eles obxectivos claves do seu plan estratéxico actual.
O acordo de colaboración foi subscrito nunha reunión online o 17 de febreiro entre Roberto Alonso, xerente de Clusaga, José Manuel Núñez, presidente da Comisión de Mercados e Internacionalización de Clusaga, Javier A. Osuna, project manager de Clusaga, Miguel Jorge Zubiria, presidente de Agroalim, Nydia Orue, directora de Agroalim, e Myrna Díaz, coordinadora de eficiencia operativa e cadea de valor de Agroalim.