O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), en colaboración coa empresa socia Hinojosa, celebrou o pasado venres un evento para as súas empresas socias co obxectivo de explorar o potencial do packaging sostible no sector da alimentación.
Este evento, desenvolvido no marco do Grupo de Traballo 3, “Sustentabilidade, Economía Circular e Bioeconomía”, común ás comisións de Innovación e I+D e de Sustentabilidade e Economía Circular de Clusaga, consistiu nunha dinámica de innovación sobre as principais tendencias actuais e retos aos que se enfronta o sector alimentario en relación cos envases e embalaxes dos seus produtos.
A xornada estivo dividida en dúas partes. En primeiro lugar, levouse a cabo un relatorio no que se analizaron as tendencias e a situación actual da industria, presentándose diferentes exemplos relacionados coa re utilización, a reciclaxe dos envases ou os novos materiais dispoñibles no mercado, e se comentaron algunhas limitacións derivadas das rigorosas regulacións. Nesta fase, os participantes tiveron a oportunidade de comprender os desafíos e as oportunidades que se presentan no campo do packaging sostible.
A segunda parte consistiu nun obradoiro interactivo no que os asistentes puideron traballar en grupos, reunindo representantes de distintos subsectores da industria alimentaria, entre eles lácteo, cárnico, mar-industria ou vitivinícola. Estes grupos abordaron desafíos específicos compartidos e traballaron na identificación de solucións innovadoras, aproveitando o coñecemento colectivo e a visión de oportunidades en innovación.
A dinámica permitiu ás empresas socias de Clusaga explorar a visión actual da sustentabilidade e a innovación no packaging alimentario, fomentando a colaboración estratéxica e o intercambio de ideas en busca de solucións que beneficien a toda a industria. Pola súa banda, Clusaga continuará traballando da man das súas empresas socias e colaboradoras para impulsar a sustentabilidade e a innovación no sector alimentario, garantindo un futuro máis prometedor e respectuoso co medio ambiente.