O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) participou en dúas compras agrupadas de equipos de protección individual, en colaboración coa Xunta de Galicia e outros clústeres e asociacións, facilitando a subministración dun total de 125.900 máscaras a empresas e autónomos do sector na comunidade galega, que garanten a protección dos traballadores e a seguridade alimentaria.
A xestión destas compras agrupadas foi posta en marcha pola Xunta de Galicia tras as necesidades trasladadas por parte dos clústeres galegos nas reunións que o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, veu mantendo cos representantes destas asociacións para coñecer as demandas e situación do tecido produtivo na comunidade desde que se decretou o estado de alarma.
A previsión da Xunta de Galicia é conseguir o envío de preto de 2 millóns de máscaras máis ao longo da semana que vén, a través dunha terceira compra agrupada que aínda se atopa en fase de recepción de peticións por parte das empresas e autónomos aos diferentes clústeres e asociacións.
Todo este material foi adquirido pola Xunta de Galicia a prezo de mercado e facilitado ao mesmo prezo ás empresas, a través da intermediación dos clústeres. Esta repartición, realizado desde a plataforma loxística da administración pública autonómica (Clonegal), chegou non só ao sector da alimentación e as bebidas, senón tamén ao das distribuidoras, metalurxia, construción, enxeñería, madeira, lousa e granito, enerxías renovables, cooperativas agrarias, call centers e comerciantes.
Ademais de participar nestas compras agrupadas, o Clúster Alimentario de Galicia mantén contacto periodicamente coa Xunta de Galicia, a través de videoconferencias, para analizar a situación do sector, canalizar as necesidades e demandas da industria alimentaria galega e buscar formas de colaboración e axuda.
Neste sentido, Clusaga habilitou desde o inicio da crise sanitaria con motivo da COVID-19 o email covid@clusaga.org para xestionar calquera consulta, petición ou necesidade de empresas do sector, así como para recibir as peticións para participar nestas compras agrupadas. Ademais, habilitou na súa web unha sección específica con información de interese para a industria, que inclúe desde protocolos de actuación ata medidas económicas e laborais que foron adoptadas polas autoridades.