O edificio Ferro do Campus de Ourense da Universidade de Vigo acolleu o xoves, 30 de xaneiro, a segunda xornada do ciclo “Clusaga e os retos estratéxicos do sector alimentario: I+D+i e sustentabilidade”, organizado pola Comisión do Clúster Alimentario de Galicia.
Nela, Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, expresou a “extraordinaria oportunidade de colaboración entre a universidade e a empresa, na que xa veñen traballando desde hai tempo moitos dos nosos investigadores”.
Pola súa banda, Noelia Dosil e Patricia Fraga, xestoras de proxectos de innovación de Clusaga, foron as encargadas de presentar a Agrupación industrial Alimentaria de Galicia e as súas prioridades estratéxicas para os próximos meses. Mentres que Miguel Tubío, director técnico de Bodegas Martín Códax, e Sergio Martínez, responsable de I+D+i de Innolact, explicaron os retos concretos da Comisión de Innovación e I+D de Clusaga, que son lograr un “maior intercambio e interacción entre empresas, centros tecnolóxicos e universidades, consolidando así grupos de traballo ao redor de temáticas relevantes para o sector alimentario”.
Finalmente, a xornada contou coa participación dunha ducia de grupos de investigación do Campus, concretamente de Ciencias, Enxeñería Informática e Ciencias Empresariais e Turismo, que presentaron os seus eixos de traballo obxecto de colaboración potencial coa industria agroalimentaria.
O próximo 6 de febreiro haberá unha nova cita cos grupos de investigación da Universidade de Vigo no edificio Miralles.