Identificar e priorizar os desafíos tecnolóxicos, as necesidades e as oportunidades do sector alimentario en Galicia foi o obxectivo do obradoiro organizado este mércores en Santiago de Compostela polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e EOSA. A xornada permitiu compilar información que será posteriormente utilizada no proxecto Net4Food, no que participa Clusaga, y que servirá de base para que os servizos, competencias e instalacións do Iberian Foodtec Lab (IFL) estean aliñados coa realidade do tecido empresarial alimentario e os seus intereses.
O obradoiro desenvolveuse baixo unha estratexia de design thinking e contando coa participación dos asistentes. Así, permitiu identificar como principais desafíos a necesidade de aliñar a investigación coas prioridades das empresas; o desenvolvemento de novos alimentos saudables, sostibles e con altas posibilidades de éxito no mercado; a xeración de coñecemento crítico por parte de los consumidores; ou o desenvolvemento de novos materiais para envases sostibles, entre outros.
Ademais, as persoas asistentes cubriron un formulario co obxectivo de coñecer de primeira man o estado actual das empresas en termos de I+D+i, así como os potenciais servizos que poderían demandar ao IFL de Net4Food. Dita enquisa permanecerá activa ata o vindeiro 10 de xuño, facilitando que aquelas empresas con interese en contribuír á construción do IFL que non asistiron ao obradoiro, poidan expresar igualmente as súas necesidades e intereses por esta vía.
Noelia Dosil, coordinadora da Área de Innovación, Transformación Dixital e Emprendemento de Clusaga, deu a bienvida aos asistentes ao obradoiro, que contou coas intervencións de Isabel Ferreira, profesora Coordinadora Principal e deputada na Asemblea da República de Portugal; Patricia Reboredo, investigadora Ramón y Cajal da Universidade de Vigo; e Lilian Barros, investigadora no Instituto Politécnico de Bragança e coordinadora do proxecto Net4Food. Estas deron paso á sesión de design thinking, despois da cal Patricia Fernandez, directora de área de Servizos na Axencia Galega de Innovación, clausurou a xornada.
Net4Food, financiado por Interreg POCTEP, ten como obxectivo fortalecer as capacidades investigadoras e innovadoras do ecosistema alimentario da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, na que, xunto con Clusaga, participan o Instituto Politécnico de Bragança, a Universidade de Vigo, o International Iberian Nanotechnology Laboratory, PortugalFoods, MORE – Laboratório Colaborativo Montanhas de Investigação e AquaValor CoLAB.