O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), en liña co seu compromiso de mellorar a competitividade do sector alimentario galego a través das últimas innovacións tecnolóxicas, impulsa o proxecto VitIA 5.0, unha iniciativa baseada en Intelixencia Artificial (IA), IoT e biotecnoloxía para o sector vitivinícola. A aplicación destas tecnoloxías nos procesos produtivos do viño permitirá maximizar o control e eficiencia destes, acadar explotacións máis sustentables e implementar solucións que permitan conectar mellor e en maior medida cos consumidores.
O proxecto VitIA 5.0 recibe financiación da convocatoria 2023 de apoio a Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo (MINCOTUR) e, baixo a coordinación de Clusaga, conta para a súa execución cun consorcio composto por dúas bodegas referentes nas Denominacións de Orixe Ribeiro e Rías Baixas (Viña Costeira e Paco&Lola), seis empresas tecnolóxicas expertas en sensórica, análise e intelixencia de datos, IA, análise sensorial, ciberseguridade e rastrexabilidade (Nova Industria Galega, Perfect Numbers, Microfy Systems, Tastelab, Seresco e InprOTech) e un centro tecnolóxico especifico vitivinícola (Fundació Parc Tecnològic del Vi).
O proxecto desenvolverá unha ferramenta para monitorizar os puntos chave do proceso produtivo do viño que, grazas á IA, permitirá predicir a calidade do produto final en base a datos dos cultivos e información do consumidor. Para alimentar esta ferramenta, VitIA 5.0 implementará novos sensores IoT que controlen en tempo real os procesos de elaboración, entre eles, os fermentativos e de crianza dos viños, aportando datos fisicoquímicos e microbiolóxicos, así como organolépticos. Todos estes datos alimentarán os dashboards que dotarán á industria vitivinícola dunha ferramenta de toma de decisións intelixente e en tempo real.
Toda a información anterior será dotada das máis altas cotas de ciberseguridade grazas á tecnoloxía Blockchain que, a maiores, outorgará unha rastrexabilidade óptima de cada un dos procesos de produción.
Xunto a VitIA 5.0, Clusaga está a coordinar a execución doutros tres proxectos beneficiarios da convocatoria de apoio a AEIs do MINCOTUR. IA40WASTE pretende promover a eficiencia dos procesos produtivos da industria alimentaria minorando as mermas de produción na etapa industrial; MEATwin permitirá mellorar a planificación e produción do sector cárnico mediante a recollida de datos, sensorización e visualización de indicadores; e DIG4.0VO, cuxo obxectivo é o sector avícola de posta, oriéntase a lograr unha cadea de valor eficiente, de calidade, comprometida co desenvolvemento sostible e con garantías de benestar animal.
Todas estas iniciativas, coordinadas e presentadas por Clusaga, contan co apoio da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada dende o Clúster para que o sector da alimentación e das bebidas galego saque o máximo partido posible dos fondos NextGenEU.
Xunto cos proxectos anteriores, Clusaga involúcrase na execución doutros dous pertencentes á mesma convocatoria do MINCOTUR mais, neste caso, en calidade de membro do consorcio. Powerlog, liderado por DIHGIGAL, enfócase á optimización da loxística na industria marítima a través dunha plataforma baseada en IA e computación cuántica; mentres que AGROVOLTECH, cuxo consorcio lidera o Clúster de Energía del País Vasco (ACE), oriéntase cara o desenvolvemento dunha solución agrovoltaica intelixente, baseada en modelos fonolóxicos e sensórica avanzada.
En total, estes 6 proxectos involucran a 24 entidades socias do Clúster, das cales 7 son empresas do sector da alimentación e das bebidas, ás que Clusaga acompaña na súa transformación dixital.