O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), en liña co seu compromiso de fortalecer, diversificar e asegurar a competitividade do sector alimentario galego nos mercados internacionais, forma parte de Export Plus. Este proxecto, que conta con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Interreg POCTEP, pretende desenvolver un novo sistema de apoio para a internacionalización das pemes artesanais alimentarias da Eurorrexión.
Coordinado pola Asociación Empresarial Alimentos de Andalucía (Landaluz), o proxecto tamén involucra a Andanatura, NERE, AEBB e AIP-Diece, alén de ter establecido un marco de colaboración coa Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) adscrita á Consellería do Medio Rural, para impulsar a participación de empresas galegas artesanais nas distintas actividades promovidas no marco de Export Plus.
Así, a través dunha xornada celebrada esta mañá en Santiago de Compostela, o consorcio do proxecto vén de presentar o apoio específico para a entrada en mercados exteriores que ofrece Export Plus, xunto con outros programas complementarios a este que poden reforzar a competitividade e proxección internacional das empresas.
A benvida ao acto contou coas intervencións de Roberto Alonso, director de Clusaga; Martín Alemparte, director de Agacal; e Augusto Alvarez-Borrás, director da Área de Internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). O director de Clusaga sinalou Export Plus como unha “oportunidade única para as empresas”, e animounas a participar de xeito activo neste proxecto “para acadar o recoñecemento internacional da excelencia da marca Galicia en alimentación”.
Pola súa banda, Alvarez-Borrás agradeceu a Clusaga e ao resto do consorcio de Export Plus dar cabida ás empresas galegas neste proxecto de Internacionalización. “O sector alimentario galego, que presenta un elevado volume de pemes, é o terceiro en exportacións na Comunidade, polo que o apoio de Export Plus, así como a colaboración das institucións, é fundamental”, declarou.
Para rematar, Alemparte puxo o foco na calidade dos produtos galegos, e agradeceu que Agacal sexa parte desta iniciativa. “Export Plus e Agacal comparten o obxectivo de promocionar o produto local, entendendo a promoción como esa axuda ás pequenas industrias para internacionalizarse e ser máis competitivas”, subliñou.
O evento continuou cunha análise do potencial exportador que caracteriza ao sector alimentario de Galicia, da man da Técnica de Proxectos da Área de Mercados, Internacionalización e Competitividade de Clusaga, Ana Santorum. Esta introdución deu paso á presentación do proxecto Export Plus, a cargo do director de Clusaga; o secretario xeral de Landaluz, Miguel Ángel Jiménez; e o director técnico de Andanatura, Gerónimo Sánchez.
Para pechar esta xornada sobre internacionalización, e antes de dar paso á rolda de preguntas sobre o apoio que ofrece Export Plus, interviñeron Isabel Fernández, xefa do Sector ICEX Galicia; e Fernando Perez-Soba, responsable de Comercio Exterior da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, para presentar outros programas de axudas complementarios que tamén apoian a entrada en mercados exteriores, e que poden servir como panca competitiva para as empresas alimentarias.
Nomeadamente, cabe salientar a convocatoria de apoio á internacionalización de Export Plus, que permanecerá aberta ata o vindeiro 15 de xullo, incluído. Trátase dunha oportunidade única para que as pemes que forman parte da cadea de valor dos alimentos e das bebidas expandan o seu negocio cara novos mercados.
Así, as empresas seleccionadas gozarán do apoio dun programa de internacionalización personalizado e formarán parte dunha rede loxística e comercial, onde diversos axentes promocionarán os seus produtos en 15 mercados europeos, facilitando o camiño cara a exportación.
Xunto con isto, as empresas beneficiarias desta convocatoria recibirán de Export Plus capacitación en metodoloxías innovadoras para a internacionalización de produtos artesanais, de xeito que logren optimizar a súa competitividade e rendibilidade, así como potenciar a sustentabilidade medioambiental das contornas nas que operan.