O pasado 14 de novembro, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) celebrou en A Coruña unha nova reunión da súa Comisión de Mercados e Internacionalización, un encontro esencial para definir as liñas de actuación do clúster no ámbito dos mercados e reforzar a súa estratexia de apoio ao sector alimentario galego. A xornada combinou actividades institucionais e unha análise detallada das accións desenvolvidas e previstas, reafirmando o papel de Clusaga como axente clave na internacionalización e competitividade das empresas galegas.
O encontro comezou cunha visita institucional ás instalacións de El Corte Inglés, un dos principais axentes de distribución a nivel estatal. Durante a reunión, exploráronse sinerxías institucionais orientadas a fortalecer a relación entre ambas entidades. Este diálogo permitiu identificar oportunidades de colaboración para promover o sector alimentario galego, a través de iniciativas que poñan en valor a calidade e autenticidade dos produtos locais. Clusaga destacou a importancia de traballar con grandes actores como El Corte Inglés para incrementar o recoñecemento e visibilidade do sector galego en mercados clave, contribuíndo á consolidación da marca Galicia como un referente de excelencia.
A reunión da Comisión, pola súa banda, tivo lugar no Museo MEGA Estrella Galicia, un espazo emblemático que combina tradición e modernidade, dedicado á historia da cervexa e á súa conexión coa industria galega. A Comisión de Mercados e Internacionalización, composta por representantes de destacadas empresas membro de Clusaga, é un foro regular que define as prioridades e accións estratéxicas do clúster no ámbito dos mercados.
En 2024, desenvolvéronse diversas accións para apoiar a internacionalización das empresas galegas, como programas de mentoring, diagnóstico e coaching, que melloraron a súa competitividade nos mercados globais. Estas iniciativas axudaron as pemes a identificar oportunidades, definir estratexias e fortalecer as súas capacidades comerciais. Ademais, realizaron misións comerciais e prospeccións en mercados clave, como Corea do Sur, Estados Unidos, Emiratos Árabes Unidos e varios países europeos, complementadas con estudos de mercado e informes sobre tendencias e regulacións.
Outras accións destacadas incluíron ciclos de webinars e talleres formativos en comercio internacional, marketing dixital e loxística, e o programa Export Plus, que promove produtos artesanais galegos en 15 mercados europeos. Este proxecto facilita a entrada das pemes a través dunha rede de axentes comerciais e solucións loxísticas innovadoras.
O plan de Clusaga para 2025 inclúe a dinamización de accións colaborativas por segmentos de mercado e canles de distribución, potenciando a conexión entre gastronomía e turismo para reforzar o sector alimentario galego. Outras iniciativas inclúen un ciclo de eventos mensuais sobre tendencias e oportunidades de mercado, que fomentarán o networking empresarial; e actividades formativas adaptadas ás necesidades das empresas.
En 2025, Clusaga reforzará a súa estratexia de internacionalización das empresas galegas cun ambicioso plan de misións comerciais internacionais, orientado a explorar novos mercados e consolidar relacións comerciais en destinos estratéxicos. Ademáis, presentouse nesta reunión o “Proxecto Estratexias de internacionalización das empresas alimentarias galegas”, en colaboración coa Universidade da Coruña, que busca mellorar as estratexias de exportación mediante a identificación de fortalezas e áreas de mellora.
Na reunión tamén se iniciou o debate sobre o futuro Plan Estratéxico 2026-2029, co obxectivo de definir unha folla de ruta adaptada aos retos e oportunidades do sector alimentario galego. Este primeiro intercambio de ideas centrouse en identificar as prioridades clave para os próximos anos.