Trátase dunha acción promocional de produto de empresas socias do Clúster en espazos singulares que pretende, por unha banda, potenciar a industria alimentaria galega e, por outra, fortalecer os vínculos entre as empresas asociadas a Clusaga.
En concreto, as empresas Aceites Abril, Casa Grande de Xanceda, El Nogal, Frinsa La Conservera, Grupo Cuevas, Granbazán Rías Baixas, Larsa, Martín Códax, Mieles Anta, Pazo de Vilane, Conservas Portomar, Queixería Barral, Quescrem e Torre de Núñez forman parte desta primeira fase do proxecto. Queixos, mel, viños, conservas e aceites son unha mostra do catálogo de produto de Clusaga, así como da calidade e do potencial da industria alimentaria galega.
Froito desa colaboración xorde o primeiro dunha serie de espazos expositivos na nova sede de Alda Hotels no monte Santa Trega. Este edificio rehabilitado, de valor patrimonial, foi inaugurado o pasado 5 de decembro, e está situado na desembocadura do río Miño (A Guarda), nun entorno emblemático próximo ao castro de Santa Trega. A nova sede da cadea hoteleira conta con 27 habitacións tematizadas en torno a Galicia, o que fai dela un espazo singular cun valor engadido idóneo para sentar as bases desta nova liña de accións promocionais de Clusaga.
Nos vindeiros meses afondarase na réplica desta acción promocional noutros espazos singulares, nos que non se descarta estudar habilitar puntos de adquisición de produtos. En concreto, buscaranse espazos representativos de Galicia nos que reforzar o posicionamento que xa teñen estas marcas alimentarias e de bebidas e seguir fomentando a excelencia na promoción conxunta.