Un dos beneficios que o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) ofrece aos seus asociados é a posibilidade de integralos en procesos de cooperación e proxectos colaborativos xunto a outras empresas e entidades de investigación e innovación. No marco do programa de apoio ás Agrupacións Empresariales Innovadoras (AEIs) que promove o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (MINCOTUR), Clusaga deu pulo a máis de 10 proxectos nas últimas dúas anualidades, permitindo acelerar a transformación dixital das máis de 30 empresas socias participantes nestas iniciativas.
Cabe salientar que algúns dos proxectos impulsados neste marco durante o último año tamén recibiron apoio do Fondo de Recuperación NextGenerationEU para a aceleración da transformación dixital. A preparación destas propostas contou con soporte da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, impulsada por Clusga e apoiada pola Xunta de Galicia a través do Igape.
En concreto, ANFACO-CECOPESCA, AOTECH, ASM, Bico de Xeado, Casa Grande de Xanceda, Centro Tecnolóxico da Carne, CLUN, Cofrico, ColorSensing, DOP Mexillón de Galicia, EligeData, Entrepinares, GALACTEUM, Galifresh, Glaücor, Hornos Lamastelle, Innogando, Instituto Tecnológico de Galicia, Jealsa Rianxeira, Lugar da Veiga, Bodegas Martín Códax, Medrar Smart Solutions, Paco&Lola, Conservas Palacio de Oriente, Perfect Numbers, PSVet, Queizuar, Real Conservera Española, San Brandán, Triple Alpha e Viña Costeira foron os socios de Clusaga participantes nos proxectos financiados no marco desta convocatoria ao longo destes anos.
Trátase de iniciativas de investigación, desenvolvemento, innovación e aplicación de novas tecnoloxías e industria 4.0, que favorecen o desenvolvemento de pilotos para a dixitalización do sector alimentario de Galicia. Para dar visibilidade a estes proxectos, Clusaga organiza un demoday o próximo 1 de decembro, de 9.30 a 14.00 horas, no Edificio FEUGA (Santiago de Compostela).
No evento daranse a coñecer os proxectos xa finalizados ML4Milk, HSI-FOOD, PHOTONICS4BAKERY e FoodTechINK da man das empresas participantes nos mesmos. Do mesmo modo, presentaranse os novos proxectos de Clusaga en colaboración con entidades socias: MILKTELLIGENCE, MUSSELBLOCK e Smart4Cheese. Ademais, estará habilitado un espazo expositivo no que coñecer as tecnoloxías aplicadas, facilitando a transferencia a todo o sector. Haberá tamén lugar para o networking, permitindo establecer novas colaboracións.
Por outra parte, os proxectos “ENOTECH 4.0. Solucións de sensórica, visión artificial e big data para o sector vitivinícola” e “YIELDCAN 5.0. Procesado masivo de datos en optimización de procesos produtivos, sustentabilidade e calidade do produto en conservas de pescado”, que finalizan no mes de decembro, presentarán por primeira vez os seus resultados e conclusións durante o encontro.
Este evento organízase no marco do Grupo de Traballo 2 da Comisión de Innovación e I+D de Clusaga, “Novos modelos de produción e comercialización. Innovación en procesos e tecnoloxías. Dixitalización”, cuxo obxectivo é facilitar que os seus participantes establezan ideas de proxectos colaborativos e innovadores neste ámbito.