O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) asinou este luns a súa adhesión a Asociación para a Dixitalización da Industria de Galicia (Digital Innovation Hub industrial de Galicia) co obxectivo de facilitar aos seus socios o acceso aos programas e servizos que se desenvolvan no avance cara á transformación dixital da comunidade.
Con esta nova adhesión, o Hub industrial de Galicia xa aglutina directamente a 450 empresas e entidades, que dan emprego a preto de 52.000 persoas, cunha facturación conxunta de 19.180 millóns de euros, o que equivale ao 30% do PIB galego.
A Asociación para a Dixitalización da Industria de Galicia conta co apoio dos clústeres CEAGA, Clusaga, Aclunaga e Clúster TIC, os cales representan a catro dos principais sectores industriais da economía galega.
A proposta liderada por CEAGA, que foi seleccionada pola Xunta de Galicia como unha das dúas mellores e considerada estratéxica para a Comunidade, contou co apoio de 69 entidades do ecosistema industrial galego e 56 cartas de apoio nacionais e rexionais.
Neste contexto, o luns, 9 de decembro, tivo lugar, en Santiago de Compostela, o acto de firma do convenio que a Xunta de Galicia apoiará con 200.000 euros para a posta en marcha e primeiros pasos do Dixital Innovation Hub industrial de Galicia.
O Digital Innovation Hub industrial (DIH) nace con dous obxectivos claros: por unha banda, apoiar ás empresas nos seus procesos de transformación dixital, sobre todo ás pemes e, por outro, con respecto ao ecosistema rexional, o DIH conectará a demanda tecnolóxica das empresas industriais (necesidades das empresas) coa oferta tecnolóxica, fomentando e apoiando a transformación dixital da industria cunha visión a medio-longo prazo.
O DIH aspira a proporcionar ás empresas industriais, sobre todo ás pemes, as capacidades tecnolóxicas, dixitais e de innovación necesarias para facer fronte aos retos ou desafíos tecnolóxicos da Fábrica do Futuro, a través do cambio cultural, o acceso a infraestruturas tecnolóxicas, a formación específica e a un catálogo de servizos e proxectos que axuden á industria nos seus procesos de transformación dixital.