Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2024. O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) celebrou esta mañá a derradeira sesión do Curso en Comercio Internacional no marco do Programa Competemar 2024. Esta iniciativa autonómica coordinada dende a Área de Mercados, Internacionalización e Competitividade de Clusaga, está financiada pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar, e ten como obxectivo acelerar a internacionalización das empresas galegas do sector mar-industria para potenciar a súa competitividade e asegurar o seu crecemento sostible.
O acto institucional de entrega de diplomas do Curso contou coa participación de Alfonso Villares, Conselleiro do Mar da Xunta de Galicia; e Juanjo De la Cerda, CEO de Clusaga. Durante a súa intervención, Juanjo De la Cerda agradeceu o apoio da Administración, así como a colaboración de EOSA para esta iniciativa. Alén, puxo en valor o esforzo das 21 empresas do sector que participaron no Curso en Comercio Internacional de Competemar 2024, “Dende Clusaga agardamos que a formación recibida sexa de proveito para impulsar a implantación internacional e desenvolvemento comercial das empresas participantes”, concluíu.
Pola súa banda, Alfonso Villares agradeceu a Clusaga o pulo a Competemar, e trasladou os seus parabéns ao alumnado pola súa aposta por esta formación, “que aborda unha cuestión tan relevante como a internacionalización”, e que serviu para identificar as súas debilidades e potenciar as súas fortalezas. A este respecto, o Conselleiro puxo o foco no potencial e resiliencia do tecido empresarial das empresas do mar en Galicia.
A sesión tamén permitiu a Roberto Alonso, director de Clusaga, presentar as dúas Misións Comerciais Internacionais previstas no marco de Competemar, cuxos países destino son Francia e Estados Unidos. Pola súa banda, Eloy García, presidente de Conxemar, levou a cabo unha introducción a esta feira para as persoas asistentes, coincidindo co derradeiro módulo do curso, centrado na promoción internacional.
Alén, da man de Javier Fraga, director de ABANCA Mar; Ramón D. Fernández, xefe do Servizo de Mercados da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica; Felicidad Fernández, responsable de Comercio, Internacionalización e Promoción de ANFACO-CECOPESCA; e Laura González, subdirectora da Área de Promoción Internacional do IGAPE; as persoas asistentes puideron coñecer servizos, oportunidades e convocatorias de apoio á internacionalización empresarial.
Curso en Comercio Internacional
O programa formativo de Competemar 2024, para cuxa organización Clusaga contou coa colaboración de EOSA, arrancou o pasado 8 de maio e desenvolveuse ao longo de dez semanas, a través de cinco sesións quincenais que finalizaron coa celebrada na xornada de hoxe.
Nas clases previas, o alumnado abordou outras temáticas chave para a entrada en mercados exteriores, tales como as estratexias de internacionalización, a identificación de mercados con potencial de crecemento, o marketing e outras ferramentas dixitais, ou a loxística e as operacións internacionais.
Para impartir debidamente estes contidos, o Programa valeuse do coñecemento e a experiencia de Ana Díaz-Becerra, socia fundadora e directora de Noroex Consultores; Nair Millos, consultora de Marketing Dixital de EOSA; Laura Sanjuán, consultora de Internacionalización de EOSA; Antonio De la Cruz, socio director de EOSA; José Alcañiz, CEO de Esterea Comunicación Digital; e Nachy López, socia fundadora de In&Out International.
Próximos pasos de Competemar 2024
O Programa para a Mellora Competitiva das Empresas do Mar 2024 (Competemar) está a apoiar ás empresas dos produtos do mar na súa internacionalización co obxectivo de potenciar e mellorar o factor da competitividade para asegurar o crecemento sostible do sector. Para isto, está a proporcionar un paquete completo de servizos para impulsar a implantación internacional e o desenvolvemento comercial das empresas participantes.
O Curso en Comercio Internacional finalizado hoxe, no que participaron representantes de 21 empresas, desenvolveuse en paralelo ao programa de coaching internacional, aínda en curso, no cal 10 empresas que están a ter un acompañamento personalizado para mellorar as súas competencias e actuacións no eido da internacionalización dende unha perspectiva global.
Porén, os seguintes pasos de Competemar 2024 estarán xa orientados aos dous mercados obxectivo do Programa: Francia e Estados Unidos. Así, os servizos de información e prospección de mercados que ofrece Competemar, así como as Misións Comerciais Directas con axendas personalizadas e cheques de viaxe, centraranse nestes dous países.
O servizo de información de mercados consistirá en proporcionar acceso a informes sobre o sector dos produtos do mar en cada un dos dous mercados obxectivo para explorar as súas dinámicas. Alén, o Programa organizará unha serie de xornadas online para analizar estes mercados, de xeito que as empresas participantes estean actualizadas en canto ás tendencias e regulacións en cada caso.
No caso das Misións, os obxectivos son explorar oportunidades comerciais, establecer contactos con potenciais socios, clientes e distribuidores, e promover os produtos das empresas neses mercados. Alén, ambas están programadas para coincidir cos principais eventos do sector para 2024 neses destinos. Así, a misión a EEUU terá lugar do 12 ao 14 de setembro en Miami, sendo o Americas Food & Beverage Show do 16 ao 18 de setembro. Doutra banda, a misión a Francia levarase a cabo en París do 16 ao 18 de outubro, dándolles ás empresas a oportunidade de acudir á Feira Sial Paris Sial ParísSial ParísSial ParísSial París, do 19 ao 24 de outubro.