O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organizou o pasado 27 de maio na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) unha xornada clave para o futuro do sector alimentario galego, na que representantes institucionais e empresariais deron o primeiro paso cara á elaboración do Plan Director da Industria Alimentaria de Galicia, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo propio Clúster.
A apertura institucional da xornada contou coa participación de Nicolás Vázquez Iglesias, secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, e de Andrés Rodríguez, presidente do clúster. Ambos coincidiron en salientar a relevancia estratéxica da industria alimentaria galega e a necesidade de construír, desde a colaboración público-privada, unha folla de ruta que impulse o seu desenvolvemento futuro.
Vázquez Iglesias subliñou o compromiso da Xunta de Galicia co sector, lembrando que a industria alimentaria representa o 25% do emprego na comunidade e constitúe unha peza clave para a economía galega. Ademais, puxo en valor o papel de Clusaga por ter logrado convocar unha representación tan significativa do tecido empresarial do sector, e animou a todos os asistentes a implicarse activamente neste tipo de iniciativas.
Pola súa banda, Andrés Rodríguez destacou o papel de Clusaga como dinamizador do proceso e puxo o foco na oportunidade que representa esta iniciativa para o conxunto do ecosistema alimentario galego. “Hoxe temos a responsabilidade de definir unha folla de ruta ambiciosa pero viable, que respecte a diversidade do sector, que recoñeza o xa construído e, sobre todo, que teña un efecto real no tecido empresarial e na calidade de vida do noso entorno”.
O encontro contou cunha destacada representación institucional, con presenza da Consellería de Economía e Industria, a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, o IGAPE e a súa Área de Innovación, así como da Consellería do Medio Rural e a Consellería do Mar.
Tras a apertura, máis de medio cento de profesionais distribuíronse en varias mesas de traballo temáticas, estruturadas cun método áxil e participativo. Nestes espazos, representantes de diversas empresas do sector alimentario galego e da administración pública tiveron a oportunidade de compartir as súas inquedanzas, formular propostas de mellora e debater sobre os principais desafíos e oportunidades que afronta a industria.
A xornada destacou pola alta participación e o compromiso activo dos asistentes, que se implicaron de forma intensa nos debates e xeraron unha gran cantidade de achegas de valor. O resultado foi unha recompilación moi rica de propostas, que servirán de base para a elaboración dun plan estratéxico aliñado coas verdadeiras necesidades do sector.
No marco da súa política industrial, a Xunta de Galicia declarou o pasado 17 de febreiro o sector da alimentación como estratéxico para a economía galega, sumándose a outros sectores clave como a automoción, o naval, o forestal-madeira, as TIC, a loxística, o téxtil e a construción. Xa se aprobaron os respectivos Plans Directores dos sectores da automoción e do naval.
A elaboración do Plan Director do Sector Alimentario busca fortalecer a actividade industrial alimentaria, compartindo obxectivos con outros plans estratéxicos: mellorar a competitividade, promover a internacionalización, favorecer a sustentabilidade e impulsar a innovación. O seu propósito último é incrementar o emprego industrial de calidade en Galicia, consolidando a cadea de valor en actividades como a láctea, a agroindustria, o mar-industria e a industria auxiliar.
Este encontro supón o inicio dun proceso participativo que busca dotar ao sector dunha folla de ruta consensuada, capaz de consolidar a súa lideranza e afrontar con éxito os desafíos dun mercado globalizado e en constante evolución.
Clusaga, que representa a máis de 240 socios do sector alimentario, reafirmou así o seu papel como nexo entre a industria e a administración, e como dinamizador da innovación, a internacionalización e a sustentabilidade do ecosistema alimentario galego.