O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), a través da súa Área de Mercados e Internacionalización, participou esta semana na VII Edición da Feira Etiqueta Negra. Este encontro, que congrega a empresas e produtores da alimentación, da distribución e da restauración, xunto a consumidores con interese en produtos alimentarios gourmet, celebrouse en Pontevedra do 11 ao 13 de novembro, e incluíu espectáculos de cociña, relatorios, degustacións e catas, entre outras actividades.
Nesta edición Clusaga tivo presenza destacada a través dun relatorio (in)formativo sobre Estudos de Mercado enfocado a produtores e coa celebración dunha nova reunión do Grupo de Traballo de Gastronomía e Turismo de Clusaga.
Estas dúas actividades, impulsadas polo Clúster e celebradas o luns 13 de novembro, dan continuidade ao traballo que se vén realizando na súa Área de Mercados e responden, entre outros obxectivos, ao do fomento de accións colaborativas e da participación en eventos turísticos e gastronómicos entre as empresas socias.
En primeiro lugar, o relatorio sobre Estudos de Mercado, a cargo de Belén Vázquez, enmarcouse nas xuntanzas “Café con Produtores” programadas pola organización da Feira. O encontro, que contou con boa acollida e numerosa asistencia de produtores gourmet, permitiu ás persoas asistentes coñecer algunhas ferramentas de investigación, así como enfoques para medir e analizar a opinión dos consumidores e a caracterización do segmento de produtos no que operan.
Así, a xuntanza tamén serviu para presentar o Servizo Insights de Clusaga, unha prestación ofertada ás empresas socias para afondar na investigación de mercados mediante a intelixencia competitiva aplicada a mercados, produtos e consumidores.
En segundo lugar, a Feira acolleu a reunión do Grupo de Traballo de Gastronomía e Turismo de Clusaga. Esta xuntanza contou coa participación de representantes de Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Cuevas Marrón Glacé, Daveiga, El Nogal, Granbazán, Larsa, Perusiñas, Viña Costeira, o Consello Regulador da IXP Vacún de Galicia e o Clúster Turismo de Galicia.
O Grupo, que foi recibido polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e pola concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, realizou un percorrido pola Feira da man das organizadoras, Vanesa Chousa, Esther Bailón e Ismael Calvo.
Durante a sesión de debate no marco do Grupo de Traballo abordáronse, entre outras cuestións, as futuras estratexias a desenvolver en materia de posicionamento de marca. Nesta liña, manifestouse interese en seguir desenvolvendo accións promocionais no marco da campaña “Na túa despensa, o mellor de Galicia” coa que Clusaga promociona conxuntamente alimentos e bebidas das súas empresas socias, e que no ano 2024 terá presenza en diversos eventos singulares ao longo da xeografía galega.