
O Instituto Politécnico de Bragança (IPB), socio do proxecto Net4Food, organizou o Congreso I International FoodTec Conference (IFTC), no que empresas, investigadores e entidades tiveron a oportunidade de coñecer os avances máis recentes no sector alimentario e identificar sinerxías para colaborar no desenvolvemento de novos produtos.
Durante a sesión abordáronse diversos retos alimentarios transfronteirizos que marcan o futuro do sector. Entre eles salientaron a innovación tecnolóxica e a seguridade alimentaria, fundamentais para reforzar a competitividade e a confianza do consumidor; a valorización dos recursos endóxenos como vía para impulsar as economías locais e modelos máis sostibles; e as tendencias nutricionais e a sostibilidade, que orientan a produción cara a unha alimentación máis saudable e respectuosa co medio ambiente. Tamén se analizaron cuestións clave relacionadas co marketing, a dixitalización e o futuro do sector, así como os avances do proxecto Net4Food e do Iberian FoodTec Lab, iniciativas que promoven a cooperación e o intercambio de coñecemento entre Galicia e o norte de Portugal.
Clusaga participou activamente no Congreso representando ao sector alimentario galego cun stand no que se expuxeron produtos de empresas como Lenatt Food, Bodega Líquido Gallaecia, Vanetta Food, YowUp e Néboda Farms.
Ademais, formou parte da última mesa redonda do Congreso, correspondente á sesión 5 “Presentación do proxecto Net4Food”, xunto cos socios do proxecto (Universidade de Vigo, INL – International Iberian Nanotechnology Laboratory, PortugalFoods, MORE CoLAB – Laboratório Colaborativo Montanhas de Investigação e AQUAVALOR), así como empresas galegas (Néboda Farms e Grupo Cuevas) e portuguesas (PROENOL, Pão de Gimonde, Landratech e Casa Mendes Gonçalves).
A mesa centrouse en reflexionar sobre o futuro do sector alimentario na rexión Galicia-Norte de Portugal e sobre como a industria pode colaborar coa investigación para desenvolver produtos innovadores. Tamén se puxeron en común diferentes puntos de vista para sentar as bases do futuro Iberian FoodTec Lab, que ten como obxectivo promover o desenvolvemento do ecosistema alimentario.
A celebración da I International FoodTec Conference consolidou a Net4Food como unha rede de referencia internacional, fortalecendo a cooperación entre os distintos axentes da cadea alimentaria e fomentando a creación de novos proxectos orientados a impulsar a innovación no sector.
Ao mesmo tempo, a conferencia marcou o peche oficial do proxecto Net4Food, que simboliza o inicio dunha nova etapa de colaboración e innovación transfronteiriza. As dinámicas xeradas e as alianzas establecidas durante esta iniciativa garanten a continuidade das accións emprendidas e reforzan o compromiso conxunto de situar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como referente europeo en investigación e desenvolvemento de sistemas alimentarios sostibles, competitivos e tecnoloxicamente avanzados.









