O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) participou no acto inaugural da I Xornada co sector dos moluscos bivalvos en Galicia organizada pola Rede Galega de Riscos Emerxentes en Seguridade Alimentaria (RISEGAL).
Concretamente, a directora da área de centros da Axencia Galega de Innovación (GAIN), María José Mariño Fontela, o xerente do Clúster Alimentario de Galicia, Roberto Alonso e a coordinadora de RISEGAL e científica do Instituto de Investigacións Mariñas IIM-CSIC (Vigo), Marta López Cabo, foron os encargados de dar comezo á xornada.
Nela presentáronse os resultados obtidos por RISEGAL e resaltouse a necesidade de estruturas organizas en rede de carácter local que sirvan de apoio ás institucións para mellorar a prevención e diminuír a aparición de alertas alimentarias.
A sesión continuou coa presentación de Jesús López Romalde, catedrático de microbiología da Universidade de Santiago de Compostela, quen falou sobre o virus da hepatite E nos moluscos bivalvos e os seus retos sanitarios; e de Jesús Simal, catedrático da área de nutrición da Universidade de Vigo, que abordado os cambios necesarios para a sustentabilidade do sistema de produción e consumo dos alimentos.
Esta primeira xornada co sector dos moluscos bivalvos en Galicia concluíu cunha mesa redonda, na que se debateu sobre aspectos relacionados cos problemas emerxentes identificados desde un enfoque transversal con todos os participantes na sesión.