Esta semana, unha delegación do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) desprazouse a Vilna (Lituania) para participar nunha serie de actividades promovidas no marco de AgrifoodX5.0, unha iniciativa financiada polo “European Cluster Excellence Programme with ClusterXchange scheme” do programa COSME, e da que Clusaga forma parte.
Así, o martes 14 de novembro, Ana Felgueiras, coordinadora de Programas Europeos, e Noelia Dosil, coordinadora da Área de Innovación, Transformación Dixital e Emprendemento acudiron en representación do Clúster ao Agrifood Forum 2023, que incluíu unha sesión específica sobre os resultados de AgrifoodX5.0.
Na primeira parte, representantes dos clústeres participantes no proxecto debateron nunha mesa redonda sobre o potencial da industria 5.0 no sector alimentario e o rol dos clústeres como elementos promotores desta transición. Na segunda parte da sesión, presentáronse casos inspiradores e oportunidades para a transición verde e dixital na industria alimentaria.
Alén, o mércores 15 o consorcio de AgriFoodX5.0 reuníronse en Vilna e repasou as actividades realizadas nos últimos meses, incluíndo visitas a feiras e eventos internacionais, e planificou as derradeiras tarefas do proxecto, que finalizará en xaneiro de 2024.
Esta xuntanza tamén permitiu debater sobre a estratexia de sustentabilidade de AgriFoodX5.0 e as accións de colaboración no longo prazo, tras a finalización do proxecto financiado, para continuar promovendo accións colaborativas en beneficio das empresas asociadas ás entidades membro do consorcio de AgriFoodX5.0.