O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) participou no demo-day do IX programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias organizado pola Fundación Juana de Vega, onde seis iniciativas emprendedoras que participaron no mesmo amosaron os seus proxectos.
O proxecto Siitake do Suído, promovido por Raquel Suárez Ogando, céntrase no cultivo de cogomelo Shiitake en tronco natural de carballo e castiñeiro, aproveitando a masa forestal refugada para darlle un novo uso de maneira sustentable e ecolóxica. Tamén contempla a venda de troncos inoculados con micelio para cultivo propio e un programa de turismo agro-forestal con obradoiros de iniciación ao cultivo dos cogomelos.
RUMI, un proxecto da empresa Innogando – que tamén participa na BFFood de Clusaga – permite, mediante un colar, monitorizar ao gando vacún. Esta solución, ademais de localizar mediante GPS ao gando, permite detectar celos, enfermidades, fugas e outras situacións de interese, enviando alertas ao gandeiro a través da aplicación móbil.
Alejandro Tartaglione presentou Zumiño, un proxecto agroalimentario situado na comarca do Baixo Miño e adicado ao cultivo ecolóxico de mazás para a obtención de zumes funcionais prensados en frío.
A explotación gandeira Casa Barbeiro, situada na parroquia de Lagoa (Alfoz) e dirixida por Juanjo Fraga, presentou o proxecto do mesmo nome, cuxo obxectivo consiste na produción de queixos afumados seguindo a receita e tradición desa bisbarra.
Traloagro adícase á cría de gando, transformación e comercialización de produtos cárnicos ecolóxicos certificados. O proxecto, presentado por Isabel Gómez, está nunha fase de crecemento buscando unha comercialización multicanle dos preparados cárnicos a nivel internacional.
Yolanda Cela, presentou o proxecto La abuela Delfina, cuxo obxectivo reside na elaboración de produtos derivados do porco de maneira artesanal, respectando a receita familiar herdada da avoa, usando materias primas diferenciadas, sen aditivos químicos, e curado de forma natural con leña de carballo, conservando así sabores de outrora.
A xornada rematou coa presentación do proxecto de Vía Argentea, promovido por José Ramón González e adicado á produción e comercialización de carne de tenreira de alta calidade, producindo de forma sustentable en base a pastoreo, forraxe e cereais de produción propia.
A Fundación Juana de Vega está a convocar a X edición deste programa, dirixida a empresas e emprendedores dos sectores agroalimentario, forestal, pesqueiro e marisqueiro, así como a proxectos e servizos noutros campos relacionados que contribúan ao desenvolvemento do medio rural de Galicia.