O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) culmina a súa participación no proxecto europeo B-Resilient – Building the biomass resilience of food producing and processing SMEs through green and digitalised value chains. O obxectivo principal de B-Resilient foi capacitar ás pemes produtoras e transformadoras de alimentos para que sexan máis resilientes mediante un uso óptimo da biomasa, favorecendo a creación de novos modelos de negocio e servizos de base biolóxica.
Un proxecto colaborativo europeo
B-Resilient estivo coordinado por Wagralim e contou coa participación dun consorcio internacional conformado por Clusaga, Flanders’ Food, Valorial, Innov’Alliance, FOOD+i, Clust-ER Agroalimentare e AGROTECHEXPORT.
O proxecto contou cun orzamento global aproximado de 1,63 millóns de euros, dos que 1,12 millóns foron destinados a apoio directo ás pemes agroalimentarias. B-Resilient estivo financiado pola Unión Europea no marco do programa Euroclusters (Single Market Programme).
Principais resultados do proxecto
- Skills Hub: Creouse un centro dixital de recursos deseñado para fortalecer a resiliencia das pemes europeas da produción e transformación de alimentos. O Skills Hub reúne documentación práctica sobre optimización do uso da biomasa, minimización de residuos e aceleración de novas cadeas de valor circulares.
- Informes sectoriais: Preparáronse estudos específicos sobre oportunidades de valorización de subprodutos en sectores como o lácteo, vitivinícola ou cervexeiro, ofrecendo ás pemes información de utilidade para avanzar na circularidade e sustentabilidade.
- Programa de cheques de apoio á competitividade: As pemes agroalimentarias tiveron acceso a un programa de cheques en diferentes modalidades:
- Cheques de Plan de Continuidade Empresarial, de ata 17.000 €, para elaborar plans concretos fronte a crises inesperadas.
- Cheques de innovación, de ata 27.000 €, para proxectos de innovación, estudos de mercado ou mellora de procesos.
- Cheques de internacionalización, de ata 7.500 €, que facilitaron a apertura a novos mercados, a busca de socios ou a participación en feiras internacionais.
- Apoio á internacionalización, liderado por Clusaga: Clusaga foi o socio encargado de liderar as actividades de internacionalización, entre as que destacan:
- O deseño e implementación dunha estratexia conxunta de internacionalización para as pemes participantes.
- A creación dun portfolio de servizos de internacionalización que recolle servizos de expertos e consultores dispoñibles para as empresas.
- O lanzamento de 8 boletíns informativos sobre oportunidades internacionais.
- A elaboración e presentación online dun informe de tendencias globais en upcycling alimentario, e outro informe con análises de mercados en países como EE.UU., Canadá, China, Xapón, Singapur, Corea do Sur e Tailandia.
Beneficios para os asociados de Clusaga
A participación de Clusaga en B-Resilient permitiu ofrecer ás empresas socias:
- Acceso a recursos prácticos para mellorar a súa sustentabilidade.
- Posibilidade de participar en convocatorias de fondos cascada.
- Información actualizada sobre tendencias globais e mercados emerxentes.
- Maior visibilidade e contacto con novos actores internacionais.
Con B-Resilient, Clusaga reafirma o seu compromiso en achegar valor ás súas empresas asociadas mediante proxectos europeos que impulsan a innovación, a sustentabilidade e a internacionalización do sector alimentario galego.