O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) constituíu unha comisión específica de sustentabilidade ambiental e economía circular para impulsar sistemas de produción e consumo rendibles, a través da optimización dos recursos dispoñibles e a adaptación á contorna ambiental.
A través da Comisión de Sustentabilidade, Clusaga comprométese a organizar actividades de información e formación sobre sustentabilidade ambiental, bioeconomía e economía circular, a apoiar a posta en marcha de proxectos colaborativos relacionados con ambas as áreas e a divulgar boas prácticas neste ámbito, tal e como recolle o eixo dous do seu Plan Estratéxico actual.
Nesta liña, o Clúster traballará no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) elaborados pola ONU e integrados na Axenda 2030 do Goberno de España coa misión de implantar en Galicia sistemas alimentarios sustentables en toda a cadea de valor, desde a produción ao consumo.
A Comisión de Sustentabilidade de Clusaga está presidida por Estefanía Iglesias, directora de sustentabilidade de Corporación Alimentaria Peñasanta (CAPSA FOOD), e integrada por Ana Seijo, responsable de calidade, innovación e sustentabilidade de Lugar da Veiga, Ángeles Claro, directora de sustentabilidade de Jealsa, Benigno Pereira, socio director de Queizúar, Guillermo Martínez, socio director de Casa Grande de Xanceda, Iria Rodríguez, responsable de relacións públicas e responsabilidade social corporativa de GADISA, Mario Fernández, responsable do departamento de enxeñería sustentable da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), Nuno Dias, director corporativo de RSC, Planeta e Produto de Grupo Nueva Pescanova, e Sabela Oca, xefa de innovación, calidade e sustentabilidade de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN).