O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e a Xunta de Galicia acaban de poñer en marcha a Oficina Técnica de Apoio ao Programa Next Generation Galicia Food, unha ferramenta que nace para impulsar a recuperación e a transformación do sector de alimentación e bebidas de Galicia a través da mobilización de proxectos no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia vinculado aos fondos Next Generation (NGEU).
O acto de lanzamento, que tivo lugar este venres no edificio Fontán da Cidade da Cultura, foi presidido por Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, asemade contou coa intervención de Juan José de la Cerda, presidente de Cluster Alimentario de Galicia (Clusaga) e Fernando Guldrís, director do Igape. Esta presentación veu seguida dunha reunión de traballo na que participaron representantes dalgunhas das empresas galegas máis destacadas do sector.
Durante o encontro, participaron, de forma mixta – presencial e virtual – representantes de ANFACO, Cafés Candelas, Viña Costeira, Congalsa, Coren, Gupo Calvo, Ceamsa, Gadisa, Galacteum, Hijos de Rivera, Jealsa, Grupo Lence, Larsa, Martín Códax e Vegalsa, entre outros, mostrando o seu interese e compromiso en establecer sinerxías para xerar proxectos tractores capaces de transformar o tecido industrial e o sector alimentario de Galicia.
Os fondos NGEU, que outorgan 750.000 millóns de euros en axudas para materializar o Plan de Recuperación Europeo, animan aos estados e rexións a xerar os mellores proxectos estratéxicos para a súa contorna empresarial, facendo así fronte á crise sanitaria e económica global. Deses fondos, 140.000 millóns están destinados a España, e serán distribuídos en convocatorias competitivas ás que concorrerán os mellores proxectos a nivel estatal.
En particular destaca o Proxecto Estratéxico de Recuperación e Transformación Económica (PERTE) da cadea agroalimentaria intelixente e sustentable, que previsiblemente será aprobado a principios do ano 2022 para o desenvolvemento integrado da cadea de valor. O obxectivo é facilitar o acceso a alimentos sans, seguros e sustentables, que cubran as necesidades da poboación. Para logralo, o PERTE agroalimentario estrutúrase en tres procesos transversais: a trazabilidade e seguridade alimentaria; a sustentabilidade e competitividade e, por último, o desenvolvemento de novas tecnoloxías, servizos e produtos.
Neste contexto e para impulsar a competitividade do sector alimentario galego, Clusaga deseñou o Programa Next Generation Galicia Food, “un gran proxecto integrado e integrador do sector para transformar o tecido empresarial mediante unha transición tecnolóxica, dixital e ecolóxica, baseada na innovación e na xeración de emprego de calidade, e que sirva de mecanismo de ancoraxe duradeira no territorio”, en palabras de Juan José de la Cerda, presidente de Clusaga.
Segundo sinalou o vicepresidente económico, Francisco Conde, Galicia conta cunha “candidatura sólida” para o PERTE, con proxectos que suman un investimento de 1.000 millóns de euros e que poden supor a creación de 4.000 empregos, apuntando que estas iniciativas abranguen toda a cadea de valor da industria agroalimentaria, desde a agricultura, a gandeiría e a pesca, ata a loxística externa e a distribución, incluíndo a transformación, e favorecendo especialmente ás pemes. O obxectivo é consolidar o rural a través dunha verdadeira cohesión social e territorial. “Imos traballar conxuntamente nesta colaboración público-privada que entendemos que é a mellor maneira de utilizar os fondos europeos de cara a futuro”, declarou Francisco Conde.
Para desenvolver este programa, Clusaga e a Xunta de Galicia impulsan esta Oficina Técnica, que levará a cabo a catalización da creación de consorcios e a formulación de proxectos nas distintas convocatorias, maximizando as posibilidades de éxito na captación de fondos. A vixilancia e difusión dos programas do Plan de Recuperación, a identificación de oportunidades e definición de proxectos tractores, ou a asistencia e soporte ás entidades na preparación, tramitación e presentación de propostas, son outras das actividades da oficina.
O Sector Alimentario de Galicia (SAG) xera un Valor Engadido Bruto (VAB) anual duns 4.070 millóns de euros, o 7,2% do PIB, e 103.000 postos de traballo, o 9,2% do emprego total, e que aínda ten potencial de desenvolvemento e incremento do valor engadido. A industria, pola súa banda, destaca pola evolución positiva dos seus números, chegando a 9.790 millóns de euros e máis de 34.000 empregos no último ano pechado. Entre as máis de 2.500 empresas que a integran, predominan as pemes, das que salienta a súa dispersión como elemento chave da vertebración territorial de Galicia.
Trátase dun sector fundamental para a economía galega, e un dos sectores estratéxicos máis importantes do país, agrupado maioritariamente no Clusaga, co obxectivo de “contribuír ao fortalecemento, potenciación, crecemento sustentable e mellora da competitividade e da internacionalización do mesmo”, segundo indicou o presidente do clúster.
A visión de Clusaga é artellar unha estrutura organizada do sector alimentario galego, integrando ás empresas en procesos de cooperación e establecendo as bases para accións conxuntas que permitan acadar un crecemento significativo e sustentable, dado o seu alto potencial.
Para solicitar máis información ou trasladar calquera dúbida ou consulta relacionada coa Oficina Técnica de Apoio ao Programa Next Generation Galicia Food, habilitouse o correo info@nextgenfood.gal.