O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) inicia o ano 2025 cunha ampla programación de actividades dirixidas a fortalecer a innovación, a sustentabilidade e a internacionalización no sector alimentario galego. O primeiro trimestre estará marcado por xornadas, obradoiros, misións comerciais e formación especializada, todas elas pensadas para abordar as principais necesidades e retos da industria alimentaria. O calendario completo pode consultarse nesta ligazón.
O 23 de xaneiro, Clusaga dará inicio ás súas actividades do ano cunha Xornada sobre Novos Produtos e Oportunidades para a Industria Alimentaria. Este evento, que terá lugar nas instalacións de ANFACO-CECOPESCA en Vigo, estará centrado no potencial da utilización dos recursos mariños no sector alimentario. Durante a xornada, presentarase o impacto das tecnoloxías innovadoras e as últimas tendencias do mercado, ademais de casos de éxito no uso de recursos mariños.
A continuación, o 24 de xaneiro iniciarase o Ciclo de Obradoiros de Innovación e I+D no Sector Lácteo, co foco posto na resiliencia e na co-creación para xerar novos modelos de negocio. Este ciclo busca afondar nas sinerxías dentro do sector lácteo, explorando solucións que permitan transformar retos en oportunidades, e contará tamén con encontros B2B para facilitar o networking entre as empresas do sector.
A sustentabilidade ocupará un lugar destacado na axenda de Clusaga durante o primeiro trimestre de 2025. Así, o 7 de febreiro, no marco dun ciclo de obradoiros financiados polo IGAPE que xa deu inicio en 2024, terá lugar o obradoiro titulado “Solucións Tecnolóxicas e Ferramentas para Reducir o CO₂”. Este encontro centrarase nas últimas tendencias para a reducción de emisións de CO₂, presentando exemplos prácticos de empresas que están a implementar solucións tecnolóxicas para mellorar a súa pegada ambiental. O ciclo culminará o 7 de marzo co obradoiro de co-creación, titulado “Dinámica de Co-creación de Ideas de Proxectos para a Descarbonización”, que fomentará a colaboración entre empresas, universidades e centros tecnolóxicos para crear proxectos de valor que contribúan á descarbonización do sector alimentario.
Nesta mesma liña, na xornada Camiñando cara ao Desperdicio Cero no Sector Alimentario, que terá lugar o 20 de febreiro en colaboración con AENOR, centrarase na xestión de excedentes e residuos alimentarios, coa posibilidade de obter a certificación de Desperdicio Alimentario Cero. Este evento tamén ofrecerá exemplos de proxectos que demostran que é posible crear un modelo de negocio que minimice o desperdicio.
Febreiro tamén será un mes clave para a internacionalización, cunha Misión Comercial Inversa en Norteamérica e Xapón que reunirá a compradores e distribuidores multiproduto. En marzo, repetirase esta actividade no marco dunha nova misión, que se centrará no mercado das Illas Británicas e Alemaña. Estas misións proporcionarán aos participantes a oportunidade de celebrar reunións B2B e realizar visitas a empresas, buscando expandir as oportunidades de negocio no ámbito internacional.
O 21 de marzo será o día no que se celebre o Xantar de Mercados e Insights, un evento de relevancia para o marketing alimentario, no que se presentarán as tendencias de consumo no sector alimentario e se celebrará unha xornada de networking entre os membros das entidades socias de Clusaga.
O 6 de marzo terá lugar un seminario organizado con San Telmo, entidade formativa coa que Clusaga lanza o seu Programa de Dirección de Empresas Alimentarias. Este seminario abordará a importancia de xerar valor nun sector alimentario maduro e presentará casos prácticos como o de Pazo de Vilane, ademais de ofrecer unha conferencia sobre o comportamento do consumidor e as estratexias de creación de valor.
Ademais destes eventos, Clusaga continúa apostando pola formación continua para o sector, co Programa Formativo Sectorial, que ofrece formación especializada nas principais áreas de interese para as empresas alimentarias. As datas definitivas dos cursos iranse publicando neste apartado da páxina web de Clusaga. No primeiro trimestre de 2025, as temáticas previstas inclúen:
Estes cursos buscan ofrecer aos profesionais do sector as ferramentas necesarias para mellorar a competitividade das súas empresas e adaptarse ás novas tendencias e retos do mercado.