O vindeiro 9 de novembro, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), presenta o primeiro Programa de Desenvolvemento Directivo para Empresas Alimentarias galegas que, deseñado xunto á Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), é unha iniciativa a prol do talento e a mellora da competitividade do sector alimentario de Galicia, cuxo obxectivo é impulsar o crecemento e a excelencia dos profesionais que integran as empresas deste.
O curso, que se desenvolverá de marzo a novembro de 2024, inaugúrase coa Masterclass “Perspectivas da economía mundial e impacto no sector alimentario”, a cargo do economista, director xeral de Consulta Aberta, ex-conselleiro do Fondo Monetario Internacional e conferenciante, Mario Weitz.
A sesión, que terá lugar o vindeiro 9 de novembro, de 12 a 14 horas, no Centro ABANCA Obra Social (Praza de Cervantes, s/n, Santiago de Compostela), ofrecerá unha visión global da economía mundial e española, incidindo na súa influencia no sector da alimentación.
Na contorna competitiva e dinámica do sector alimentario, as empresas enfrontan desafíos constantes, desde a crecente demanda de produtos innovadores e saudables, ata as cambiantes regulacións e tendencias de mercado. Por todo o anterior, contar con líderes altamente capacitados e orientados ao éxito convértese nunha necesidade imperante para garantir o crecemento e a sustentabilidade das organizacións.
Neste contexto, a creación de talento e a mellora da capacitación dos traballadores do sector son unha das medidas recollidas no Plan Estratéxico 2021-2025 de Clusaga, en tanto instrumento fundamental para a mellora da competitividade das empresas. Así, o Plan de Formación da asociación para 2024 consta de diversas iniciativas artelladas en tres partes.
Nomeadamente, o Programa “Desenvolvemento Directivo para Empresas Alimentarias” enmárcase na categoría de Alta Dirección, e está estruturado en 25 sesións de oito horas, a razón de tres sesións mensuais comprendidas entre marzo e novembro do vindeiro ano. A súa misión é fortalecer as habilitades directivas e de liderado dos profesionais do sector para fomentar a innovación, a eficiencia e o éxito nas súas organizacións.
Os principais obxectivos abranguen a mellora na formulación e implementación da estratexia corporativa, o desenvolvemento dunha visión estratéxica global orientada a resultados, ou o fomento das habilidades de liderado para a xestión eficiente de equipos, entre outros.