No seu Plan Estratéxico 2021-2025, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) establece un forte compromiso coa creación de talento e a mellora da capacitación dos traballadores do sector da alimentación e das bebidas galego.
Coñecedor do entorno competitivo e dinámico no que operan as empresas alimentarias, que esixe contar con profesionais altamente capacitados e orientados ao éxito para garantir o crecemento e a sustentabilidade das organizacións, Clusaga define anualmente un Plan de Formación. En liña con esta folla de ruta e para o 2024, Clusaga ofrece dous programas formativos aliñados cos retos e necesidades do sector e as demandas específicas das empresas a este respecto.
En primeiro lugar, o Programa de Desenvolvemento Directivo para Empresas Alimentarias é unha formación enfocada a crear líderes altamente capacitados e orientados ao éxito para garantir a competitividade das empresas do sector. De 8 meses de duración, está bonificada pola Xunta de Galicia e foi confeccionada en colaboración coa Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE). O Programa, que mantén o prazo de matrícula aberto, arranca o 14 de marzo, e desenvolverase en formato presencial no Centro Social ABANCA (Santiago de Compostela). O calendario desta iniciativa pode consultarse aquí.
En segundo lugar, o Programa Formativo Sectorial completa a oferta de Clusaga para 2024. Neste caso, trátase dunha iniciativa composta por unha numerosa oferta formativa que aborda diversas temáticas e que vai dirixida tanto a técnicos coma a mandos intermedios. Neste caso, trátase de cursos máis curtos que o do apartado anterior, que abranguen de 60 a 30 horas, en modalidade online ou presencial dependendo do curso, contando co apoio económico da Xunta de Galicia ou do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
Os cursos que compoñen este programa son independentes un dos outros e desenvólvense ao longo de todo o ano. Algúns xa están a ser impartidos, outros manteñen aberto o prazo de matrícula, e outros aínda están pendentes de publicar o seu programa. Para ter unha visión global da oferta que haberá nos vindeiros meses, está dispoñible para a súa consulta o calendario do Programa Formativo Sectorial 2024 de Clusaga.