A Comisión de Innovación do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) ten, entre outros, o obxectivo de fomentar colaboracións no ecosistema galego de innovación agroalimentaria. Por ese motivo, este mércores organizou unha xornada-obradoiro sobre innovación no sector lácteo en colaboración co Campus Terra (Lugo) da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A xuntanza reuniu no edificio CACTUS da sede lucense da USC a unha vintena de investigadores e a responsables de 17 empresas do sector alimentario, que tiveron a ocasión de coñecer as súas respectivas capacidades, así como as afinidades existentes para establecer posibles liñas de colaboración para avanzar na consolidación dun ecosistema galego de innovación agroalimentaria.
A apertura do evento correu a cargo de Elvira López, delegada do reitor da USC para o Campus Terra; e de Sergio Martínez, CEO da entidade socia de Clusaga Quescrem e presidente da Comisión de Innovación do Clúster.
O foro estivo estruturado en intervencións breves, que serviron para presentar as fortalezas e capacidades de investigación do Campus de Lugo, e os intereses e prioridades das empresas galegas do sector lácteo, a cargo dos socios Ángel Pereira, CIO de GALACTEUM; Sergio Martínez, de Quescrem; e Iván Cid, CEO de PS Vet. A presentación dos programas de financiamento dispoñibles para favorecer a colaboración universidade-empresa foi outra das temáticas abordadas, neste caso, pola Coordinadora da Área de Innovación, Transformación Dixital e Emprendemento de Clusaga, Noelia Dosil.
A xornada tivo continuidade cun obradoiro colaborativo no que as empresas representadas interactuaron cos grupos de investigación presentes, a fin de procurar e definir oportunidades concretas de colaboración. Unha vez rematada esta sesión, as persoas inscritas, distribuídas en grupos en función dos seus intereses, completaron visitas ás instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC e aos laboratorios da empresa socia TasteLab.