O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) traballa e colabora en diversos proxectos de ámbito rexional, nacional e europeo co obxectivo de impulsar a I+D+i, a sustentabilidade, a internacionalización e a adaptación ás tendencias de consumo do sector alimentario galego. Unha das iniciativas nas que está involucrado Clusaga na actualidade, xunto a outros sete clústeres europeos, é o proxecto B-Resilient, financiado pola Unión Europea.
O obxectivo xeral de B-Resilient é capacitar ás pemes produtoras e transformadoras de alimentos para que sexan máis resilientes mediante un uso óptimo da biomasa e a incorporación de solucións dixitais axeitadas. Para isto, establece un ambicioso paquete de accións de apoio financeiro en catro ámbitos: Mobilidade, Internacionalización, Innovación e Plan de Continuidade Empresarial.
Estes mecanismos de axuda económica foron presentados na “Cumbre Europea de Alimentación y Biomasa”, un evento organizado polo proxecto B-Resilient xunto a outras iniciativas europeas, que tivo lugar os pasados 22 e 23 de maio en Tesalónica (Grecia), e onde se deron cita expertos en bioeconomía.
O encontro acolleu a máis de 100 líderes de opinión, inversores e expertos en innovación do campo da bioeconomía, que intercambiaron coñecementos sobre a revalorización das cadeas de valor tradicionais e novas, demostrando o compromiso coa sustentabilidade e a economía circular.
A “Cumbre Europea de Alimentación y Biomasa” contou con relatorios e mesas redondas sobre seguridade alimentaria, agricultura sostible, biotecnoloxía ou economía circular; ao tempo que serviu para que os asistentes puidesen coñecer empresas innovadoras emerxentes, preparadas para revolucionar a industria alimentaria forxando colaboracións. Ademais, se visitaron en exclusiva dúas empresas locais á vangarda da investigación en biomasa, CERTH-Inab e Biogas Lagada S.A., nas que se puideron coñecer os últimos avances neste eido.