
O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) estivo presente no encontro como representante da industria alimentaria galega, contribuíndo ao debate e á visibilización das iniciativas que se levan adiante na nosa comunidade co apoio do proxecto europeo HIGHFIVE. A coordinadora de programas europeos de Clusaga, Ana Felgueiras, participou neste evento que reuniu clusters, pemes, tecnólogos e responsables políticos para facer balance dos resultados do proxecto e debater sobre os retos da transición dixital e verde no sector alimentario europeo.
O encontro final de HIGHFIVE, titulado “Smart Food Factory”, celebrouse os días 30 de setembro e 1 de outubro en Leuven e Bruxelas (Bélxica) e serviu como espazo de aprendizaxe e intercambio arredor da dixitalización e a sustentabilidade industrial. Durante dous días, o programa combinou conferencias, mesas de debate, pitching sessions e visitas a empresas, con demostracións en vivo e presentacións de casos reais.
Na primeira xornada, baixo o lema “From Vision to Impact”, os participantes puideron coñecer experiencias de éxito na adopción de tecnoloxías dixitais na industria alimentaria, desde sistemas baseados en intelixencia artificial e sensores industriais ata aplicacións de análise avanzada de datos e Internet das Cousas (IoT).
A segunda xornada, “Collaborating for a Sustainable Food System”, centrouse no papel da cooperación interrexional e dos clusters como catalizadores de innovación. As sesións de traballo abordaron cuestións clave como:
No marco de HIGHFIVE, Galicia participou activamente a través de Clusaga e do Centro Tecnolóxico ITG, impulsando proxectos que incorporan tecnoloxías avanzadas para mellorar a eficiencia operativa, a trazabilidade e a calidade dos alimentos. Estas iniciativas inclúen aplicacións de intelixencia artificial e sensorización orientadas a optimizar procesos produtivos e reducir o impacto ambiental.
Esta participación permitiu situar ao ecosistema galego no mapa europeo da innovación alimentaria e reforzou a cooperación entre empresas, centros tecnolóxicos e administracións. O proxecto, financiado pola Comisión Europea no marco do programa I3 (Interregional Innovation Investments), estivo coordinado por Flanders’ FOOD e desenvolveuse en colaboración con clusters e entidades doutros países europeos.
Recordamos tamén que o próximo 20 de novembro, Clusaga celebrará o último encontro do proxecto HIGHFIVE na Cidade das TIC (A Coruña), baixo o título “Do dato á decisión: dixitalización e innovación para un sector alimentario intelixente”. A xornada reunirá profesionais da industria alimentaria, tecnolóxica e da investigación para poñer o foco nas oportunidades que ofrece a innovación dixital para avanzar cara a un ecosistema máis conectado, eficiente e competitivo.
O programa incluirá unha visita aos laboratorios do ITG, dous relatorios e unha mesa redonda de aprendizaxes, co obxectivo de trasladar as ideas á práctica no tecido empresarial galego. Participarán expertos e representacións do sector e da investigación, entre os que se contan profesionais de empresas e centros tecnolóxicos de referencia.









