O Clúster Alimentario de Galicia estivo presente durante os días 13 a 15 de maio, en Food4Future, unha das principais citas foodtech do Estado, celebrada no Bilbao Exhibition Centre. A participación concretouse a través dun stand agrupado no que tamén estiveron presentes a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga). Este espazo conxunto permitiu dar visibilidade ao ecosistema galego de innovación alimentaria e presentar proxectos clave que poñen en valor o traballo colaborativo e a aposta pola sustentabilidade e a dixitalización.
Durante o evento, Clusaga presentou dous proxectos nos que participa activamente. Por unha banda, HIGHFIVE, centrado en promover investimentos interrexionais destinados a pemes para a implantación de solucións dixitais que dean resposta a retos específicos do sector do procesado de alimentos. O obxectivo é contribuír a unha cadea de valor agroalimentaria europea máis dixital, sostible e resiliente.
Por outra banda, tamén se puxo en valor o proxecto Caprigo, enfocado en revitalizar a gandaría caprina en zonas rurais de Ourense mediante a elaboración dun queixo brando de alta calidade, cun forte compoñente de valorización territorial.
No marco do proxecto europeo Hub4Food, coordinado por Clusaga, Noelia Dosil, coordinadora da Área de Innovación, Transformación Dixital e Emprendemento do Clúster, participou na mesa redonda Best Technologies to Develop Better Food. O debate reuniu representantes de EIT Food, Mediterranean Algae e Poseidona, e afondou no papel esencial da tecnoloxía na mellora do sector alimentario mariño, a través da innovación sostible e a colaboración entre actores estratéxicos.
Ademais, durante o evento celebrouse unha reunión do consorcio de Hub4Food, na que se avanzou na execución do proxecto. Entre os fitos alcanzados destacan a selección dos proxectos piloto, a finalización do catálogo de servizos para pemes e a proposta de accións de ciencia e innovación cidadá a desenvolver nos vindeiros meses.
A presenza en Food4Future supuxo un reforzo do papel de Clusaga como axente tractor da innovación alimentaria en Galicia. A través da participación en proxectos colaborativos e da posta en común de boas prácticas a nivel europeo, o Clúster segue avanzando cara a un modelo alimentario máis innovador, resiliente e comprometido cun uso sostible dos recursos, especialmente no ámbito mariño.