O Clúster alimentario de Galicia (Clusaga) acaba de asinar un memorando para colaborar no Innovation in Sustainability and Regeneration Hub (INSURE. hub), levando a cabo actividades nestes ámbitos e en liña cos ODS 2030, o Pacto Verde Europeo e as metas definidas para Europa 2030 e 2050.
O INSURE.hub é unha iniciativa da Universidade Católica Portuguesa de Porto (UCP) e a Planetiers New Generation (PNG), que ten como obxectivo “crear un ecosistema internacional de coñecemento transdisciplinario que promova solucións empresariais circulares, sostibles e regenerativas, impulsadas por tecnoloxías disruptivas”, segundo explicou durante a presentación do novo Hub internacional João Pinto, vicepresidente da UCP.
Este acordo garante o acceso privilexiado aos socios de Clusaga a eventos, formacións e outras actividades relevantes promovidas polo Hub que fomenten a aceleración económica e sostible do tecido empresarial, así como apoio no desenvolvemento de negocio e novos investimentos a través do deseño de estratexias colaborativas, promocionando o emprendemento e a innovación.
O Hub tamén se compromete á creación de programas de apoio á innovación sostible nos ámbitos académico e empresarial, a concienciar á sociedade e a contribuír á formación académica neste ámbito.
A presentación tivo lugar o mércores 27 de outubro en Porto, onde empresas e organizacións reuníronse para traballar e debater con expertos internacionais na xornada de lanzamento do Hub que pretende transformar os distintos sectores económicos cara a unha nova realidade sostible.