
O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) conclúe outra edición de Competemar, programa dinamizado por Clusaga e financiado pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar que ao longo dos dous últimos anos, reforzou a competitividade e a proxección exterior das empresas galegas do mar-industria. O I Foro Competemar, celebrado o pasado venres no Museo Gaiás da Cidade da Cultura, serviu como escenario de clausura da segunda edición dun programa que mobilizou profesionais, empresas e entidades para aumentar a resiliencia do sector mar-industria galego.
Ao longo das edicións 2024 e 2025, Competemar consolidouse como unha plataforma de referencia para o fortalecemento empresarial do sector. O programa permitiu desenvolver accións formativas, comerciais e estratéxicas que involucraron a numerosos profesionais do sector, fortalecendo a súa capacidade para afrontar retos internacionais e impulsar o crecemento das súas empresas.
En materia de formación, 48 directivos e profesionais formaron parte do Programa de Dirección de Empresas Alimentarias impulsado por Competemar, con 17 xornadas presenciais e máis de 150 horas de formación especializada. Ademais, 26 empresas participaron no Programa Formativo en Internacionalización, abordando temas clave como negociación, loxística, marketing estratéxico e fidelización de clientes, mentres que 10 empresas beneficiáronse do servizo de coaching personalizado.
O eixo internacional constituíu outro dos piares do programa. Competemar impulsou misións comerciais directas aos Estados Unidos e aos Emiratos Árabes Unidos, abrindo novas canles de negocio e facilitando o contacto con compradores, distribuidores e socios potenciais. Entre as accións máis destacadas figura a celebración en Dubai do evento gastronómico Taste the Sea, que reuniu compradores, importadores, chefs e representantes institucionais para posicionar a excelencia dos produtos galegos.
O balance global das dúas edicións reflicte un impacto significativo: máis de cen compradores e importadores internacionais implicados, novas oportunidades comerciais abertas en Estados Unidos, Francia e Emiratos Árabes Unidos, máis de 200 horas de formación impartidas e unha rede de colaboración que involucrou máis de oitenta profesionais e arredor de corenta empresas.
O pasado venres celebrouse no Museo Gaiás da Cidade da Cultura o I Foro Competemar, que puxo o broche final ao programa Competemar 2025. O encontro reuniu a cincuenta profesionais de empresas, entidades sectoriais e administración pública para analizar resultados, compartir aprendizaxes e debater os retos futuros.
Na apertura institucional, o vicepresidente de Clusaga, Jorge Eiroa, puxo en valor os resultados do programa e agradeceu o respaldo da Consellería do Mar nunha iniciativa que considera clave “para abrir novos mercados, consolidar relacións comerciais sólidas e anticiparse a las tendencias globais”. Pola súa banda, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou que en 2024 o sector marítimo-pesqueiro e a súa industria transformadora alcanzaron un novo récord de exportacións, e subliñou a importancia de iniciativas como Competemar, especialmente para as pemes, ao proporcionarlles ferramentas e apoio para impulsar a súa internacionalización.
No programa participaron tamén Cándido Rial, director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e Isabel Cañas, presidenta da Comisión Mar-Industria da CEG e membro da Xunta Directiva de Clusaga, nun relatorio que destacou a importancia de combinar innovación, estratexia e capacidade competitiva para consolidar a presenza internacional do sector.
Empresas como Nauterra, Real Conservera Española e Cabomar compartiron as súas experiencias e estratexias de internacionalización, mentres que expertos de Worldpanel by Numerator, Norwegian Seafood Council e Nueva Pescanova expuxeron as últimas tendencias en innovación, comportamento do consumidor e estratexia de marca, resaltando o valor de diferenciar os produtos galegos nun mercado global competitivo.
O foro tamén contou cun panel sobre internacionalización e impacto dos programas de apoio ao sector mar-alimentario, no que participaron Roberto Alonso, director de Clusaga; Ramón Damián Fernández, xefe do Servizo de Mercados da Consellería do Mar; e Laura Sanjuán, coordinadora de proxectos de internacionalización de EOSA.









