O pasado 30 de outubro o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) celebrou o evento Transformando o sector alimentario en Galicia: Demoday de innovación e proxectos empresariais no Edificio FEUGA en Santiago de Compostela. Case 50 asistentes, entre empresas, expertos e profesionais do sector alimentario, participaron nesta xornada para compartir os últimos avances en innovación e explorar novas oportunidades de colaboración.
Durante o evento, abordáronse catro áreas fundamentais para o futuro da industria alimentaria galega, destacando as innovacións en procesos produtivos, a automatización de operacións, os servizos avanzados para a I+D+i e o apoio á internacionalización. Esta xornada puxo en común enfoques innovadores que subliñan a relevancia da sustentabilidade, a mellora continua e a integración de tecnoloxías avanzadas para impulsar a competitividade e posicionar Galicia como referente en innovación alimentaria.
A primeira sesión do Demoday estivo centrada en proxectos que subliñan a importancia da innovación en procesos produtivos e da sostibilidade. Jamones González presentou avances na produción que melloran a calidade do produto, mentres que Caprigo amosou o seu compromiso co medio ambiente a través da fabricación sostible de queixos de tempada. Airas Moniz destacou a valorización do patrimonio galego mediante técnicas artesanais, e Gradhoc achegou solucións para optimizar o consumo enerxético e reducir custos na industria.
A continuación, empresas como Ártica Ingeniería e Innovación e Esteo Innova abordaron a automatización como clave para mellorar a eficiencia operativa no sector, aproveitando as colaboracións con universidades e centros tecnolóxicos. Imasde Agroalimentaria presentou solucións de mellora continua, e Medrar compartiu o seu enfoque na dixitalización para mellorar os procesos de produción e competitividade.
Tras o descanso para networking, a segunda parte do evento centrouse na dixitalización e nos servizos avanzados de apoio á I+D+i para o sector alimentario. Kaizen Institute e Ingenyus destacaron as súas metodoloxías para mellorar a competitividade mediante a optimización de procesos e o marketing intelixente. Sinerxia Consultora, especializada en solucións para o sector pesqueiro, amosou casos de éxito no fortalecemento da competitividade empresarial, e Leyton Iberia destacou a importancia do tax lease para facilitar a financiación de proxectos innovadores.
Para finalizar, ALS Life Sciences Galicia e AMSlab ofreceron servizos avanzados de laboratorio e análises científicas que contribúen á calidade e seguridade alimentaria, mentres que Biostatech destacou o valor da bioestatística para a mellora de procesos. Finalmente, BSPOKE Regulatory Consulting presentou solucións de internacionalización e apoio normativo, orientadas a facilitar a expansión global das empresas do sector alimentario galego.
Ao final das presentacións, os asistentes participaron en reunións B2B e exploraron colaboracións estratéxicas. Este espazo de networking permitiu establecer contactos clave e identificar novas vías de colaboración entre empresas e profesionais, reforzando o compromiso de Clusaga coa innovación e o desenvolvemento do sector.
Agradecemos a todos os asistentes e participantes polas súas achegas e compromiso que fixeron deste Demoday un evento único para impulsar a innovación alimentaria en Galicia.