A xornada ‘Sector alimentario, estratéxico para o futuro de Galicia, España e o mundo’, organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia, o Clúster alimentario de Galicia (Clusaga), o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Asociación para o Progreso da Dirección ( APD), foi inaugurada por representantes das catro entidades. Juan José de la Cerda, presidente de Clusaga, destacou a importancia da innovación e a sustentabilidade como eixos estratéxicos para o sector.
Os datos constatan que o sector alimentario segue xogando un papel fundamental a nivel socioeconómico, pero actualmente enfróntase a grandes desafíos. Os expertos concluíron que as respostas virán da dixitalización, a innovación, a economía circular e a cooperación na cadea de valor.
O encontro, que tivo lugar o pasado 13 de outubro en Vigo, contou con catro relatorios, dous paneis e unha mesa redonda. En primeiro lugar, Mercedes Groba presentou EIT Food, unha das comunidades de innovación do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía onde os socios forman parte de toda a cadea de valor. A continuación, Mónica Cascallar, de Congalsa; Gabriela González, de Vegalsa; e Sergio Martínez, de Quescrem, compartiron coa audiencia como enfrontan a nova realidade, proxectando un escenario de futuro.
No segundo bloque, os relatorios correron a cargo de Mila Valcarcel, que presentou o seu proxecto Eatable Adventures, e Ofir Benjamin, profesor e investigador do Tel- Hai College Institute, que falou da importancia de xerar novos coñecementos na industria alimentaria. O segundo panel integrárono Pedro Areas, de Ceamsa; Javier Álvarez responsable da Business Factory Food; e Álvaro Dosil, de Triplo Alpha Innovation, que compartiron coa audiencia a súa visión do futuro do sector e as tendencias de vangarda. Pechou o bloque Patxi Larumbe, de Cocuus, dando a coñecer o funcionamento das súas impresoras 3D aplicadas á alimentación.
Roberto Alonso, de Clusaga; Javier Sierra, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; e Alfonso Ribas, da Fundación Juana de la Vega, puxeron o broche final ás xornadas confluíndo na idea de que aparecerán novos actores que convivirán cos tradicionais. A oferta será máis sostible e saudable e aparecerán novos alimentos de forma que se poderán adatar a novas formas de consumo.