O proxecto S3FOOD, no que o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) participa xunto a 12 socios do resto de Europa, seleccionou as 14 iniciativas de colaboración intersectorial que recibirán apoio dentro da súa segunda convocatoria de axudas á dixitalización.
Á convocatoria presentáronse 140 proxectos, dos cales nove procedían de Galicia e un da colaboración existente entre Galicia e Asturias, grazas á cooperación entre Clusaga e a Asociación de Industrias Cárnicas de Asturias (ASINCAR), partners de S3FOOD.
Esta segunda convocatoria de S3FOOD incluía tres tipos de axudas (vouchers na terminoloxía utilizada a nivel europeo) para os proxectos: “de exploración” (exploration) -cun apoio máximo de 30.000 €-, “de validación” (validation) -onde se pode recibir até 120.000€- e “de aplicación” (application) -no que a contía da subvención ascende até 180.000€-.
Os dous proxectos colaborativos apoiados por Clusaga que foron seleccionados promoverán a dixitalización e avance cara á industria 4.0 en diferentes sectores da industria agroalimentaria.
O proxecto Smart system for real-estafe monitoring of evaporation in wine aging (LIBATIO) (“Sistema intelixente para o seguimento en tempo real da evaporación na crianza do viño”), no que participan as pemes galegas SC Robotics, NIGAL e Viña Costeira co apoio de Clusaga, resultou seleccionado na categoría validation voucher, coa que recibirá unha subvención de até 120.000€.
Esta iniciativa baséase no desenvolvemento dunha rede de dispositivos autónomos de teledetección axustados a barricas de madeira, seleccionadas e distribuídas adecuadamente na adega, que monitorizan en tempo real os parámetros ambientais clave que afectan á evaporación do viño. Estes datos procesaranse mediante Intelixencia Artificial (IA) para obter correlacións entre as variables e mostraranse nunha web e unha aplicación móbil.
A través destas plataformas, desenvolvidas con tecnoloxías machine learning e big data, o viticultor obterá información de gran interese, que lle permitirá tomar decisións e previr problemas na produción.
O outro dos proxectos seleccionados foi Cloud-assessment of dairy production performance (“Avaliación na nube do rendemento de produción láctea”). Trátase dunha iniciativa de colaboración intersectorial, entre Clusaga e ASINCAR, na que participan as empresas Dulcegrado, AOTECH e a galega Glaucor.
Este proxecto, que recibiu unha das axudas de até 180.000€ de application voucher, consiste no desenvolvemento dun sistema para automatizar a recollida de datos no proceso de produción lácteo, subministración de enerxía e control de calidade, que, posteriormente, serán analizados nunha plataforma de Internet of Things (IoT).
Mediante o devandito sistema e coa introdución de tecnoloxía Near Infrared (NIR), poderase obter unha caracterización da produción, en termos de custos enerxéticos e rendemento, para optimizar o uso dos ingredientes e conseguir un aforro na utilización destes.