O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) celebrou o pasado 14 de novembro a clausura do Programa de Desenvolvemento Directivo para Empresas Alimentarias, unha iniciativa deseñada en colaboración coa Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) e financiada pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar. Neste programa, vinte representantes de empresas galegas do sector da alimentación e bebidas reforzaron as súas competencias directivas para afrontar con éxito os retos do mercado global.
O acto, celebrado no Centro Obra Social ABANCA, contou coa intervención de Alfonso Villares, Conselleiro do Mar; Andrés Rodríguez, presidente de Clusaga; Andrés Armada, coordinador de desenvolvemento corporativo da UIE, e Juanjo de la Cerda, director académico do Programa.
Na súa intervención, Andrés Rodríguez agradeceu aos participantes “o compromiso demostrado durante todo o curso”, destacando a relevancia desta formación para o crecemento do sector alimentario galego.
Pola súa banda, Andrés Armada destacou que nas empresas galegas “hai unha aposta definitiva e sólida por conseguir que o tecido empresarial se forme dunha maneira única”, resaltando o valor da formación para “cargar de convicción” aos profesionais.
Finalmente, Alfonso Villares destacou o sector pesqueiro como “a actividade con maior índice de produtividade por traballador”, subliñando a importancia de “engadir valor aos nosos produtos do mar”. O Conselleiro do Mar agradeceu a Clusaga e á UIE por plantexar “un proxecto ambicioso e clave para seguir á cabeza neste mundo competitivo”.
O evento rematou coa entrega de diplomas, realizada polo conselleiro, seguida dun cóctel para os asistentes, no que os participantes do curso aproveitaron para dar un discurso e brindar polos oito meses de aprendizaxe conxunta.
A longo de 25 sesións de 8 horas, o programa proporcionou unha formación integral a representantes de empresas do sector alimentario galego, abarcando subsectores diversos. Entre os temas tratados destacaron o entorno económico, estratexia, internacionalización, dixitalización, finanzas, operacións e sustentabilidade.
Entre os aspectos máis destacados deste curso, resalta a calidade do profesorado, composto por 22 docentes con ampla experiencia, e a aplicabilidade dos contidos, centrados en temas relevantes para a realidade empresarial. Este enfoque permitiu ao alumnado transferir coñecementos de forma inmediata ás súas funcións directivas, mellorando significativamente na formulación e implementación da estratexia corporativa. Ademais, a formación de oito meses favoreceu a creación de redes colaborativas entre os participantes, promovendo a sinerxia e a innovación no sector.