O proxecto europeo Promoción do envellecemento saudable a través da nutrición e a dieta atlántica (Nutriage) traballou desde a súa posta en marcha no ano 2017 na xeración de solucións que melloren a calidade de vida das persoas maiores. Entre as investigacións desenvolvidas, destaca a creación de novos produtos alimentarios baseados na dieta atlántica da rexión Galicia – Norte de Portugal.
Algúns destes produtos desenvolvidos a nivel piloto foron sopas e cremas listas para consumo ou deshidratadas, alimentos con algas ou iogures enriquecidos con Omega 3. Todos eles son produtos de fácil deglución, ofrecen unha elevada hidratación e poden chegar a ser funcionais.
O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), que colabora neste proxecto europeo, encargouse de coordinar as accións de identificación, deseño e desenvolvemento destes produtos. Por iso, agora, co obxectivo de analizar a súa viabilidade no mercado encargou a realización dun estudo que examinou o nivel de coñecemento, percepción e hábito de consumo destes novos alimentos.
Máis da metade dos enquisados afirmaron que se encargan eles mesmos de cociñar os produtos que comen, aínda que aqueles listos para consumo considéranos unha boa opción pola súa comodidade. Pola súa banda, os alimentos deshidratados venos tamén como unha boa alternativa, aínda que resultan ser menos coñecidos que os alimentos listos para consumo. No entanto, ambos os tipos de produtos son considerados polos enquisados como menos saudables se se comparan cos alimentos feitos por eles mesmos.
Doutra banda, as algas son percibidas pola maior parte da poboación enquisada como un ingrediente san. En cambio, a porcentaxe ao que lle gustaría consumilas é menor e das posibles opcións dadas na enquisa, ás que lle engadirían este ingrediente, destaca a sopa de verduras.
No que respecta á froita, esta é a sobremesa preferida entre as persoas enquisadas mentres que os iogures son elixidos como opción favorita para a merenda ou cea.
O estudo tamén revelou que o Omega 3 é coñecido pola maior parte dos enquisados, quen, ademais, consideran aos iogures con este ingrediente como unha opción máis sa e, por tanto, estarían dispostos a consumilos.
*O proxecto Nutriage foi cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020.