
Entre os días 20 e 23 de outubro, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) desenvolveu en Dubái unha misión comercial directa no marco de Competemar 2025, a aceleradora de internacionalización financiada pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar, co obxectivo de impulsar a proxección exterior e a competitividade das empresas galegas do sector do mar.
En total, 19 empresas galegas participaron nas distintas modalidades desta misión, que contou cunha axenda intensa de actividades, entre as que destacaron visitas e reunións comerciais, a asistencia a unha feira internacional e un evento de promoción gastronómica con showcooking.
Durante a misión, as empresas mantiveron unha axenda completa de reunións B2B con importadores, distribuidores e grupos do sector alimentario dos Emiratos Árabes Unidos líderes na distribución, comercialización e retail do sector alimentario na rexión.
Ademais, a delegación realizou store checks en puntos de venda estratéxicos, incluíndo LuLu, Waitrose, Jones the Grocer, Grandiose e Carrefour, para coñecer de primeira man a presenza dos produtos do mar no mercado, as tendencias de consumo e a oferta de produtos internacionais no canal retail. A misión permitiu promocionar a calidade e o valor diferencial dos produtos do mar galegos, así como identificar oportunidades de cooperación comercial nun mercado caracterizado polo seu dinamismo e alto nivel de esixencia.
A delegación tamén visitou a feira ADIFE (Abu Dhabi International Food Exhibition), un dos eventos máis relevantes do sector agroalimentario en Oriente Medio, onde se presentan tendencias, innovacións e oportunidades de negocio en alimentación, bebidas e tecnoloxía alimentaria. Durante a visita, os representantes de Clusaga e das empresas participantes mantiveron un encontro co UAE Food Cluster, unha iniciativa do Ministerio de Cambio Climático e Medio Ambiente dos Emiratos Árabes Unidos, que promove a colaboración público-privada para fortalecer a seguridade alimentaria e a produción sostible no país. A reunión serviu para coñecer as prioridades estratéxicas do clúster emiratí e explorar vías de cooperación futura.
Ademáis, como parte da axenda institucional, a delegación foi recibida nas oficinas de ICEX en Dubái, onde o conselleiro económico e comercial Christian Garma e o seu equipo presentaron información de contexto sobre o mercado local e as oportunidades para o sector alimentario, ofrecendo o seu apoio e asesoramento ás empresas galegas nos seus próximos pasos de internacionalización.
O evento “Atlantic Food Origins & Taste the Sea” impulsado por Clusaga no marco deste programa, foi un dos momentos máis destacados da misión, e celebrouse nunha das localizacións máis exclusivas de Jumeirah Beach. Durante esta acción de promoción gastronómica, os asistentes puideron gozar dun showcooking en vivo con produtos galegos do mar, no que o recoñecido Chef Akil, recentemente nomeado entre os 10 mellores chefs do sector hospitality nos Emiratos Árabes Unidos, elaborou pratos que puxeron en valor a calidade, o sabor e a versatilidade das conservas e produtos galegos.
O evento reuniu a importadores, distribuidores e compradores de alto perfil, e contou tamén coa presenza de representantes institucionais, nunha xornada que demostrou o crecente interese do mercado emiratí polos produtos atlánticos de Galicia e reforzou a súa posición como referente internacional en calidade, sostibilidade e excelencia gastronómica.
Os Emiratos Árabes Unidos consolídanse como o principal hub de distribución alimentaria para os países do Golfo Pérsico, onde a demanda de produtos innovadores e de alta calidade segue medrando nun mercado maduro e competitivo. A misión permitiu ás empresas galegas detectar oportunidades, tendencias e posibles socios locais, reforzando o seu posicionamento nun entorno estratéxico de alcance rexional.









