Un dos obxectivos do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) é mellorar o posicionamento das empresas alimentarias galegas nos mercados internacionais. Por este motivo, e co apoio da Xunta de Galicia a través das axudas da liña Galicia Exporta Organismos Intermedios do Igape, organizou unha misión comercial inversa de Corea do Sur entre os días 11 e 13 de abril.
Esta iniciativa permitu ás empresas Lugar da Veiga, Feiraco, El Nogal, Casa Grande de Xanceda, GALACTEUM, Clavo Food Factory, Real Conservera Española, Bodegas Martín Codax, Larsa, Grupo Entrepinares, A Pulpeira, Torre de Núñez, Galifresh, Grupo Nueva Pescanova e Fesba estreitar relacións comerciais con tres importadores procedentes de Corea do Sur: Chefs Food CO., Fine F&B Services CO., e UB Korea.
A misión, organizada pola Área de Mercados e Internacionalización de Clusaga, levouse a cabo a través de dúas modalidades. A primeira, dividida na tarde do martes e na mañá do xoves, consistiu na organización de reunións cos importadores nas instalacións do Hotel AC Palacio del Carmen en Santiago de Compostela, onde as empresas participantes tiveron a oportunidade de xerar contactos e amosar os seus produtos.
A segunda modalidade, concentrada na xornada do mércores, incluíu visitas ás fábricas ou adegas das empresas cos distribuidores. A misión rematou na tarde do xoves coa derradeira visita dos importadores, en concreto, ás instalacións de Grupo Nueva Pescanova. A clausura desta actividade contou coa presenza de Marina Alfonsín, Project Manager da Área de Mercados e Internacionalización de Clusaga, e de representantes da Xunta de Galicia.
Esta actividade está enfocada ao fortalecemento das relacións internacionais das empresas galegas de alimentación e bebidas. Tras a selección por parte dos distribuidores das categorías de produto nas que tiñan interese, o Clúster organizou as axendas desta acción de internacionalización. A misión tamén incluíu a difusión dos perfís empresariais entre os importadores invitados a través dun directorio, e supuxo unha oportunidade para que os asociados establecesen contactos e mellorasen as súas relacións internacionais co mercado surcoreano, impulsando a proxección internacional do sector alimentario de Galicia.
O volume total de exportacións de Galicia en 2022 foi de 84,1 M€, o que supón un crecemento do 4,9% con respecto a 2021. A principal partida de exportación de Galicia a Corea do Sur son os produtos agroalimentarios, os cales representan preto da metade das exportacións (46,2%). Tamén posúen gran importancia os produtos industriais e de tecnoloxía, que supoñen o 32,5% das exportacións galegas. Ademáis, no ano 2022 foron 206 as empresas galegas que exportaron a Corea, un incremento do 8,4% con respecto a 2021. Delas, 63 foron empresas exportadoras regulares.