Dacordo cun estudo recente de Randstad Research e a CEOE, cerca de 3 millóns de persoas atópanse paradas en España, pese ás máis de 200 mil vacantes dispoñibles. En Galicia, onde hai máis de 130 mil persoas en paro, estímase que existen cerca de 15 mil postos de traballo sen cubrir. Os expertos apuntan a dificultade para fidelizar o talento coma a principal causa desta situación, destacando, ademais, a escaseza de perfís STEM, os máis demandados polas empresas.
Neste contexto, o Hotel AC Palacio del Carmen de Santiago de Compostela acolleu este xoves 13 unha xornada sobre o impacto da última Reforma Laboral, que entrou en vigor o 30 de decembro de 2021. O encontro, organizado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e a súa empresa socia Randstad, estivo enfocado ás empresas do sector alimentario que puideron analizar esta lei da man de expertos e debater acerca da súa evolución e implicacións.
Da man de Valentín Bote, director do Instituto de Investigación Randstad Research; e Daniel Lorenzo, director de Public Affairs en Randstad, o encontro serviu para analizar a situación actual do mercado laboral, dende o contexto xeral, ata a particularidade de Galicia e do sector alimentario. Ademais, fixeron fincapé na escaseza de talento e a dificultade para retelo coma principais desafíos para o sector, e abordaron estratexias para paliar esta problemática, coma o employer branding e a fidelización do talento dispoñible.