A Federación Española de Industrias de Alimentación e Bebidas (FIAB) e o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) asinaron un acordo de colaboración para reforzar o tecido industrial de alimentación e bebidas, tanto a nivel nacional como autonómico.
O director xeral de FIAB, Mauricio García de Quevedo, e o presidente de Clusaga, Juan José De la Cerda, asinaron o convenio esta mañá por vía telemática, para respectar as medidas de seguridade por mor da crise da COVID-19.
A través deste acordo, ambas as organizacións comprométense a traballar de forma conxunta para realizar accións que repercutan nunha mellor competitividade das empresas do sector en Galicia, a través de actividades de divulgación e programas de formación dirixidos a mellorar o coñecemento das administracións, empresas, traballadores e cidadáns sobre o sector industrial de alimentación e bebidas.
Ademais, FIAB e Clusaga estarán en constante contacto para intercambiar información sobre os proxectos normativos nacionais e autonómicos que inflúan na actividade da industria, así como sobre os intereses e inquietudes de ambas as formacións para mellorar aquelas políticas e reformas lexislativas que afecten directamente ao sector.
Clusaga é a asociación representante e portavoz do sector alimentario galego e traballa, entre outros ámbitos, para defender os intereses da industria dos alimentos e as bebidas da rexión, fomentar a súa competitividade e internacionalización e promover hábitos de vida saudable.
Mauricio García de Quevedo, director xeral de FIAB, celebra a firma do convenio e as novas canles de cooperación e comunicación bilaterais que se establecen entre a Federación e o Clúster. “Este acordo permítenos apoiar de forma máis activa á industria de alimentación e bebidas en Galicia, para poder fomentar o seu desenvolvemento e o seu crecemento e situalas no centro da actividade económica do noso país”, asegurou.
Pola súa banda, o presidente de Clusaga, Juan José De la Cerda, afirmou que “a firma deste convenio pon de relevo o papel de Clusaga como eixo dinamizador dun sector estratéxico para a economía en Galicia e reforzará a unión de toda a industria alimentaria, achegando os medios necesarios para incrementar a competitividade das empresas á vez que mellorará a comunicación entre o sector e a administración a todos os niveis: rexional, nacional e internacional”.