O ciclo de xornadas organizado pola Comisión de Innovación e I+D do Clúster Alimentario de Galicia nas diferentes sedes das universidades públicas galegas baixo o título “ Clusaga e os retos estratéxicos do sector: I+D+i e sustentabilidade” chegou ao seu fin este mércores, 26 de febreiro.
O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu esta última xornada que contou coa participación do vicerreitor de investigación e innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, quen se encargou de dar a benvida a todos os asistentes.
Pola súa banda, Roberto Alonso, xerente de Clusaga, presentou a actividade do Clúster, a Comisión de Innovación e I+D e os diferentes grupos de traballo que hai nela mentres que Sergio Martínez, responsable de I+D+i de Innolact (Quescrem), e Ángel Pereira, director de innovación de Dairylac, presentaron os retos que se abordarán nesta Comisión.
Finalmente, os grupos de investigación do CiTIUS, Cros- disciplinary Research in Environmental Technologies (CRETUS), Histagra, departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía, Unidade de Investigación en Nutrición, Crecemento e Desenvolvemento Humano de Galicia da área de nutrición Pediátrica, GI-2113 QACIAMBI e Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) expuxeron a súa actividade para establecer posibles conexións coa industria alimentaria galega.