A mellora continua é esencial en calquera proceso produtivo, algo que se vén poñendo de manifesto nos últimos tempos no sector alimentario, dado o incremento da presión para reducir los custos e optimizar o rendemento. Neste contexto, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) impulsou a primeira edición do proxecto formativo “5S no sector Alimentario”, unha iniciativa para a que contou coa colaboración do asociado PFS Grupo, e que celebrou esta mañá o seu acto de peche e entrega de diplomas.
O programa formativo, que se desenvolveu de novembro de 2022 a marzo de 2023, permitiu ás empresas participantes mellorar a súa eficiencia, perfeccionando e simplificando os seus procedementos. Todo elo a través dunha metodoloxía práctica e colaborativa, a través da cal os participantes puideron intercambiar retos, boas prácticas, avances e experiencias, fomentando un clima de cooperación profesional e aprendizaxe conxunta.
O evento de peche contou con representación de cada unha das entidades participantes no proxecto formativo “5S no sector Alimentario”: as socias de Clusaga Harinera del Mar S.XXI e Manega Obras, xunto con Coesco Deza e Voladuras y Transportes Blanco. Tras presentar os exitosos resultados da aplicación da metodoloxía 5S nas súas empresas, tivo lugar o acto de entrega de diplomas.
Roberto Alonso, director de Clusaga; e Óscar Santamaría, director de PFS Grupo en Galicia, interviñeron na clausura da xornada para dar por finalizada a formación. Roberto Alonso salientou “a importancia de avanzar cara as metodoloxías lean para a mellora competitiva do sector” a través de formacións coma esta, aliñada, ademais, “coa propia misión de Clusaga”. Pola súa banda, Óscar Santamaría quixo animar ás empresas a continuar aplicando todo o aprendido nestes catro meses para seguir mellorando a eficiencia das empresas.