O proxecto SmarTZ4Milk – Cadea de valor láctea intelixente, rastrexable, sostible e conectada- vén de dar os seus primeiros pasos, marcando un fito significativo na transformación do sector lácteo galego cara a dixitalización, sustentabilidade e mellora da rastrexabilidade. Cun orzamento total de 16,8 millóns de euros e unha axuda concedida de 9,7 millóns de euros, o proxecto conta con financiamento do Ministerio de Industria e Turismo (MINTUR) e a Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU. A execución de SmarTZ4Milk prolongarase ata xuño de 2025.
O proxecto, liderado por Grupo Lence e promovido polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) a través da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, xa está en marcha coa participación activa das empresas colaboradoras. Das 11 involucradas, 7 son empresas lácteas: Grupo Lence, CAPSA FOOD, Grupo Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN y ACOLACT), Bico de Xeado, Queizuar e Queixería Prestes. Ademais, empresas tecnolóxicas como Grupo AMSlab, ASM Soft, Plexus Tech e Sixtema aportan a súa experiencia na implementación de solucións dixitais innovadoras.
O proxecto SmarTZ4Milk ten como obxectivo principal transformar o sector lácteo minimizando o seu impacto na contorna, reducindo o desperdicio alimentario, dixitalizando ao máximo os seus procesos para optimizar as plantas e afrontando o reto de descarbonización en toda a cadea de valor, sen descoidar a importancia da calidade para que o leite continúe sendo parte fundamental dunha dieta saudable nos próximos anos.
Para acadar este obxectivo, SmarTZ4Milk vén de marcar unha serie de metas específicas, tales como incentivar a investigación, desenvolvemento e innovación no sector lácteo, aumentar a competitivida mediante a dixitalización, automatización e sensorización de procesos, promover prácticas sostibles en todas as operacións industriais, impulsar inversións verdes na industria láctea, e mellorar a transparencia e accesibilidade aos datos mediante a rastrexabilidade.
SmarTZ4Milk divídese en 18 proxectos primarios, cuxas temáticas se engloban nos 3 bloques que recolle a orde do PERTE: Competitividade (dixitalización), sustentabilidade e rastrexabilidade. A continuación, detállanse as principais áreas de traballo e as iniciativas correspondentes:
O proxecto SmarTZ4Milk aposta pola dixitalización do sector lácteo galego mediante a implementación de tecnoloxías avanzadas como intelixencia artificial, Big Data, Blockchain e sensórica avanzada. Estas tecnoloxías permitirán mellorar a eficiencia, a calidade e a rastrexabilidade na cadea de valor láctea, así como facilitar a captación de datos en tempo real. A plataforma PITSA, que utiliza Quantum IA e Blockchain, será clave neste proceso, integrando información para unha toma de decisións óptima.
A dixitalización implicará a automatización de procesos e a sensorización avanzada, beneficiando ás empresas ao liberar tempo de tarefas manuais e aumentando a produtividade. Tecnoloxías como a visión artificial e o xemelgo dixital posicionarán ao sector lácteo ao nivel de outras industrias avanzadas, como a automoción. Ademais, o uso de Green Data permitirá optimizar o consumo de enerxía, auga e outras materias primas, mellorando o impacto ambiental e promovendo a sustentabilidade económica e ambiental.
Os resultados destes traballos de dixitalización xerarán escenarios preditivos de oferta e demanda, mellorando a xestión no sector primario e a toma de decisións industriais. A integración de datos de calidade e seguridade alimentaria asegurará a rastrexabilidade de cara ao consumidor final. A plataforma federada de datos permitirá benchmarking no sector, xerando rankings e obxectivos sectoriais para coñecer o estado do sector e crear plans de mellora.
SmarTZ4Milk comprométese a reducir o impacto ambiental do sector lácteo mediante a diminución de materias primas consumidas, emisións e xeración de residuos, ademais de promover prácticas de economía circular e o uso eficiente de enerxías renovables. O proxecto busca evolucionar a industria láctea cara a economía verde e a sustentabilidade, con iniciativas orientadas á redución da pegada de carbono e a pegada hídrica.
Entre os proxectos destacados atópanse a creación de bebidas vexetais de base láctea, produtos non refrixerados e a reutilización de auga de proceso. A circularidade nos procesos potenciarase ao converter subprodutos en materias primas para novos produtos alimentarios. A integración de datos de sustentabilidade na toma de decisións permitirá optimizar o consumo de recursos e reducir os desperdicios, aliñándose cos obxectivos da PAC e contribuíndo á protección da biodiversidade.
A implementación de tecnoloxías verdes e a promoción da economía circular en todas as etapas da cadea de produción láctea son fundamentais para asegurar a sustentabilidade do sector a longo prazo. A creación de índices de circularidade permitirá comparar o desempeño ambiental con outros produtos, transformando problemas en oportunidades de mellora continua.
A rastrexabilidade dos produtos lácteos en SmarTZ4Milk garantirase a través de tecnoloxías avanzadas de monitoreo e control. A plataforma PITSA, que integra Blockchain e intelixencia artificial, permitirá unha rastrexabilidade ambiental e intelixente, asegurando a calidade e seguridade alimentaria desde as explotacións agrarias ata o consumidor final. Isto contribuirá a incrementar a confianza do consumidor e o valor do produto.
O rexistro de datos mediante Blockchain facilitará a transparencia e comunicación con administración, retailers, provedores e consumidores, mellorando a planificación de recursos e a produción. A plataforma federada de datos permitirá conectar bases de datos públicas e privadas, optimizando a xestión de calidade, seguridade alimentaria e datos ambientais.
A rastrexabilidade se converteuse nun aspecto clave para os consumidores, quen demandan información sobre a calidade e orixe dos produtos. A plataforma desenvolvida permitirá recomendacións óptimas mediante intelixencia artificial, incrementando a rendibilidade e sustentabilidade dende a granxa ata o consumidor final. Esta innovación posicionará ao sector lácteo español á vangarda, asegurando a integridade e seguridade alimentaria de maneira efectiva e transparente.
A cordinación de SmarTZ4Milk está a cargo de Clusaga, con Medrar Innovation Office como coordinador técnico e FI Group xestionando aspectos técnicos e económicos respectivamente. Ademais, o proxecto conta coa participación de universidades galegas como a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela, así como o Centro Tecnolóxico de Galicia (ITG), aportando coñecemento e soporte técnico.