
O Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) coordina o proxecto europeo Hub4Food – Atlantic Food Innovation Hub, unha iniciativa que impulsa a innovación colaborativa entre pemes e centros tecnolóxicos do Espazo Atlántico.
CLUSAGA estivo presente do 20 ao 21 de maio en Castelo Branco e Peniche (Portugal) para celebrar a 5ª reunión de consorcio de Hub4Food nas instalacións dos socios InovCluster, CATAA e MARE.
Durante o encontro, o Clúster Alimentario de Galicia reuniuse co consorcio de Hub4Food en Castelo Branco, nas instalacións de InovCluster e CATAA, onde se puxeron en común os avances das diferentes accións do proxecto, como: a oferta de servizos de apoio á innovación para pemes alimentarias por parte dos clústeres de Hub4Food, os proxectos piloto en colaboración cos centros tecnolóxicos, e a celebración das Citizen Science Actions.
O consorcio de Hub4Food reuniuse nas instalacións de InovCluster e CATAA, en Castelo Branco, co obxectivo de compartir o estado das actividades dos diferentes paquetes de traballo e definir os próximos pasos do proxecto.
Tras a sesión de traballo, os socios portugueses guiaron unha visita ás instalacións de CATAA para dar a coñecer as investigacións que se están a realizar no centro. Ademais, a xornada incluíu unha visita técnica ás instalacións industriais dunha das empresas asociadas a InovCluster, permitindo coñecer de primeira man o funcionamento da súa planta de produción.
Na segunda xornada do encontro, o consorcio de Hub4Food trasladouse a Peniche para visitar as instalacións do socio MARE.
Durante a visita presentouse o marco de traballo do BlueFood Lab (Blue Food Research and Innovation Group), no que participa MARE. Os asistentes puideron percorrer os laboratorios e coñecer as súas liñas de investigación en acuicultura, biotecnoloxía e innovación alimentaria. A xornada concluíu cunha visita á planta de fabricación dunha das pemes que desenvolve un proxecto piloto en colaboración con Hub4Food e MARE.
A través da cooperación europea, Hub4Food continúa demostrando que a unión entre a ciencia mariña e a industria agroalimentaria é clave para avanzar cara a un sector alimentario máis sostible, competitivo e de alto valor engadido.
O proxecto Hub4Food, coordinado por CLUSAGA, busca ser un polo de innovación para o sector agroalimentario atlántico. Reúne clústeres e redes agroalimentarias (BIA Innovator Campus, Clusaga, EIT Food, InovCluster e Valorial) e centros tecnolóxicos (ANFACO-CYTMA, CATAA, LEMPA, MARE-IPLeiria, PRAXENS e Teagasc) de Irlanda, Francia, España e Portugal. Hub4Food está cofinanciado polo programa Interreg Atlantic Area 2021-2027.









