
O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) reuniuse co consorcio de Hub4Food nas instalacións de BIA Innovator Campus, onde se comentaron os avances nas diferentes accións do proxecto, como a oferta de servizos de apoio á innovación para pemes alimentarias por parte dos clústeres de Hub4Food, os proxectos piloto en colaboración cos centros tecnolóxicos do consorcio e a celebración das Citizen Science Actions.
Como proxecto cofinanciado por Interreg Atlantic Area, o consorcio asistiu o 13 de novembro á Atlantic Stakeholder Platform Conference, celebrada no marco dos Atlantic Days en Galway. O encontro reuniu ás principais entidades implicadas na Estratexia Atlántica para revisar os avances do Atlantic Action Plan 2.0 e analizar os retos compartidos vinculados á economía azul no Espazo Atlántico.
A conferencia puxo o acento na creación de sinerxías entre rexións, na innovación no ámbito mariño e na planificación espacial marítima. Para Hub4Food, a participación supuxo unha oportunidade para identificar novas liñas de colaboración e reforzar a visibilidade do proxecto no impulso dunha economía azul sostible e competitiva.
Entre as accións previstas no proxecto destacan as Citizen Science Actions (CSA), workshops cuxo obxectivo é implicar á sociedade nos avances ligados aos recursos alimentarios mariños na rexión atlántica. Nesta ocasión, os socios BIA Innovator Campus e Teagasc celebraron a xornada “GUT ED – Algas mariñas, ciencia e saúde”, na que as persoas asistentes puideron coñecer máis sobre o potencial das algas mariñas e o crecente protagonismo dos ingredientes mariños no futuro da alimentación e da nutrición.
O proxecto Hub4Food, coordinado por Clusaga, busca consolidarse como un polo de innovación para o sector agroalimentario atlántico. Reúne clústeres e redes agroalimentarias (BIA Innovator Campus, Clúster Alimentario de Galicia, EIT Food, InovCluster e Valorial) e centros tecnolóxicos (ANFACO-CYTMA, CATAA, LEMPA, MARE-IPLeiria, PRAXENS e Teagasc) de Irlanda, Francia, España e Portugal. Hub4Food está cofinanciado polo programa Interreg Atlantic Area 2021-2027.









