O edificio CACTUS do Campus Terra da Universidade de Santiago acolleu o mércores, 15 de xaneiro, a primeira xornada sobre os retos estratéxicos do sector alimentario en materia de I+D+i e sustentabilidade organizada pola Comisión de Innovación de Clusaga.
Montserrat Valcárcel, vicerreitora de coordinación do Campus de Lugo, foi a encargada de inaugurar esta sesión informativa e de debate que continuará nas próximas semanas no resto de campus universitarios de Galicia co obxectivo de establecer sinerxias entre os grupos de investigación e Clusaga.
Na devandita xornada participaron tamén Miguel Tubio, director técnico de Bodegas Martín Códax, Xaquín Antón, director de proxectos de I+D+i de Cravo Food Factory, Noelia Dosil, project manager de Clusaga, Mª Ángeles Romero, directora da Cátedra do Pan e o Cereal no Campus Terra e Patricia Fraga, project manager de Clusaga, como membros da Comisión de Innovación da Agrupación industrial.
Tras as devanditas intervencións, produciuse unha rolda de presentación dos seguintes grupos de investigación coa finalidade de incentivar a transferencia de coñecementos entre empresas do sector e os investigadores: ACUIGEN (GI-1251), Conservación de chans e produción agrícola, Agrupación Estratéxica BioReDes, Biomodem, Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias, CITACA, departamento Física Aplicada e Grupo PROEPLA Proxectos e Planificación (Departamento de Enxeñaría Agroforestal).
As vantaxes do emprego de cinzas de biomasa para a fertilización e conservación de chans degradados, a mellora xenética de especies autóctonas de cereais como trigo ou millo, a utilidade da valoración e o test sensorial para o deseño e desenvolvemento de novos alimentos con máis valor engadido, a mellora das actuais organizacións de loxística e distribución, as múltiples aplicacións e vantaxes que depara a acuicultura, a seguridade alimentaria ou os novos aproveitamentos de recursos forestais foron algunhas das liñas de I+D+i que se analizaron nesta xornada.